O BNG esixe que CA explique as previsións sobre a contratación de empresas
Acusa o Goberno municipal de falta de dirección política e de coordinación entre as concellarías ao manter servizos de xeito irregular e sen contrato
Santiago de Compostela, 6 de abril de 2016.- O portavoz do grupo municipal nacionalista, Rubén Cela, presentou unha iniciativa que o BNG trasladará ao Pleno relativa á solicitude de comparecencia para coñecer as previsións do Goberno de Compostela Aberta sobre a contratación de empresas privadas que prestan servizos municipais, posto que está a incumprir unha das chaves do seu programa.
Un dos piares do programa de goberno de Compostela Aberta e dos principais compromisos que adquiriu cos veciños e coas veciñas en campaña electoral foi remunicipalizar servizos privatizados, explicou Rubén Cela. Case 10 meses despois da chegada de Compostela Aberta non apreciamos ningún avance neste sentido, mesmo se produciron retrocesos, pois a tónica xeral é a prórroga automática dos contratos que vencen e que prestaban eses servizos, engadiu.
Ademais, advertiu, que estas prórrogas se fan in extremis ou fóra de prazo, o que supón unha renuncia expresa a modificar os pregos de contratación nunha nova licitación. Outras veces séguese a prestar o servizo coas mesmas empresas sen ter, sequera, cobertura legal nin contractual.
Así, aludiu ao desleixo e falta de rigor á hora de casar o remate das concesións cos tempos administrativos de novas licitacións; ademais falta unha idea clara por parte de Compostela Aberta sobre os servizos externalizados. Referiuse tamén á falta de dirección política e incluso de coordinación entre as concellarías do Goberno municipal.
Por este motivo, o BNG vai solicitar unha comparecencia do Goberno municipal para que explique, unha a unha, as previsións de futuro dos servizos externalizados na actualidade, indicou.
Cómpre lembrar que o contrato do servizo dos centros socioculturais rematou o 14 de marzo e a empresa segue a prestar o servizo sen soporte legal e de xeito irregular; o servizo de recollida de lixo remata o contrato con Urbaser este domingo 10 de abril sen que se xestionase prórroga, nova licitación nin cambio de modelo de xestión; o servizo da ORA e do guindastre rematou o 30 de xaneiro e ten prórroga por seis meses; o contrato de xestión dos espazos deportivos do Multiusos e de Santa Isabel conclúe o 15 de xuño despois de 15 anos sen que se coñezan avances; e o de transporte urbano rematou o 15 de febreiro e actualizouse automaticamente.