O BNG require melloras nas marquesiñas de autobús do rural
Advirte que a empresa concesionaria do transporte público só gastou 3.000 euros dos 14.000 orzados en 2015 para limpeza e reparación de marquesiñas
Santiago de Compostela, 5 de abril de 2016.- O portavoz do grupo municipal do BNG, Rubén Cela, demandou melloras no transporte público de Santiago de Compostela, cunha mellor dotación de marquesiñas, coa instalación de 8 paneis informativos pendentes e coa introdución de cambios nas rutas e frecuencias para atender as demandas veciñais.
Segundo datos facilitados pola empresa municipal de transporte urbano (TUSSA), en 2015 había consignados 14.000 euros para limpeza e reparación de marquesiñas no rural, dos que só gastou 3.000 euros, cando á vista está a necesidade de completar este traballo dado o mal estado de conservación en que se atopan a maioría delas, explicou Rubén Cela.
Ademais, no Pleno de decembro aprobouse unha iniciativa do BNG para elaborar un programa municipal para a instalación e adecuación de marquesiñas para favorecer o uso e a accesibilidade universal. Tres meses despois, non se avanzou na nova instalación nin nas melloras nas marquesiñas, indicou.
Referiuse tamén a que o grupo municipal do BNG recibiu queixas da retirada de marquesiñas, como no lugar de Quintáns, na parroquia de Carballal, na estrada que une o aeroporto con Sigüeiro, cando era empregada por rapaces e rapazas que usan o transporte escolar. Outras como a de Volta do Castro seguen sen uso, cando o bus para uns metros máis abaixo, onda o colexio Santa Apolonia, e o único resgardo é unha árbore.
Ademais, con motivo das obras da autoestrada AP-9 e o corte de tráfico na estrada AC 261 á altura de Ponte Marzán, a liña 7 de transporte urbano alterou o seu percorrido habitual. Co cambio anúlanse 14 paradas entre a Ponte de Sar e a rúa San Martiño e increméntase de xeito considerábel a duración da viaxe, polo que as persoas usuarias xa expresaron as súas queixas. Na zona de Aríns, elimínanse 4 paradas e o último bus sae ás 19:30 horas, o que non satisface a veciñanza.