Galiza solidaria coas persoas refuxiadas informará da vulneración de dereitos do acordo da UE
O acto será este mércores ás 20:00 horas no café SCQ
Santiago de Compostela, 4 de abril de 2016.- O acto Galiza solidaria coas persoas refuxiadas, que se celebra este mércores ás 20:00 horas no café SCQ (rúa das Orfas, 2) contará coa participación da portavoz do BNG en Bruxelas, Ana Miranda, do antimilitarista Xesús Domínguez e do secretario de Médicos do Mundo, Brais Barcia.
Con esta charla organizada polo BNG preténdese informar da situación que padecen milleiros de persoas que foxen da guerra de Siria e amosar o rexeitamento ás políticas imperialistas practicadas polos Estados Unidos e ao acordo da Unión Europea con Turquía, ademais de dar conta do papel que desenvolven as ONG.
Esta semana entra en vigor o acordo da Unión Europea que, tal como indicou a ONU, vulnera dereitos humanos fundamentais ao pechar as fronteiras e prohibir o desprazamento de centos de miles de persoas que marchan dunha guerra que foi alentada polo denominado mundo occidental.
Tanto Ana Miranda como Brais Barcia, que estarán presentes no acto, foron testemuñas do que está a acontecer en diversas zonas en conflito na actualidade, polo que contarán a súa experiencia dende unha perspectiva política e de labor humanitaria.