PLENO
O BNG traslada ao Pleno de Santiago o rexeitamento á apertura do proxecto de megaminería en Touro
Afectará a 500 hectáreas de produción agraria e forestal, aos acuíferos e provocará danos ambientais no Camiño de Santiago
Santiago de Compostela, 21 de novembro de 2017.- O grupo municipal do BNG levará ao vindeiro Pleno unha moción para o rexeitamento do proxecto de reapertura da explotación mineira no concello de Touro que afectará a 500 hectáreas de produción agraria e forestal.
O pasado 25 de agosto saíu a exposición pública o proxecto de reapertura da explotación da mina para a extracción de cobre nos concellos de Touro e do Pino, presentado pola empresa Cobre San Rafael S.L. Este novo proxecto pretende seguir explotando os mesmos xacementos abandonados do ano 1986 e outros novos, cunha concesión máis ampla que abarca o concello de norte a sur nunha extensión superior a 2.000 hectáreas. “Trátase dun proxecto de megaminería a ceo aberto, dos que só o 30% son terreos xa afectados pola explotación anterior”, expón o texto da moción, ademais “500 desas hectáreas son de terreos agrícolas e forestais que son a base produtiva de moitas explotacións agrarias dos núcleos máis próximos á explotación”.
Trátase dun proxecto con grave impacto ambiental e na saúde, que vai repercutir na eliminación de mananciais de captación de auga para consumo doméstico, con afectación ás augas subterráneas e superficiais, aos ríos e ao propio Ulla que poden sufrir contaminación das augas con metais pesados, ademais da construción dun enorme depósito de residuos altamente contaminante fronte ao núcleo de Arinteiro, impacto paisaxístico con entulleiras a unha altitude moi superior á actual do terreo.
A minería prevista non vai crear ningún tecido produtivo na zona, tan só unha pequena xeración de postos de traballo temporais e de baixa cualificación que en absoluto compensan, nin de lonxe, todo o dano que será para sempre. É un tipo de minería propia do século XIX consistente en extraer un recurso para favorecer exclusivamente empresas foráneas e deixar aquí a contaminación.
Este é un problema de carácter supramunicipal que afecta primeiro á veciñanza de Touro pero tamén a todos os Concellos da contorna. No caso do concello de Santiago de Compostela veranse afectado o Camiño de Santiago, ao que someterá a un impacto sonoro e visual e tamén pode existir posíbeis afeccións coa prospección que xa están previstas á altura da Susana na parroquia do Eixo.