PLENO

O BNG traslada unha moción ao Pleno para rexeitar a suba das peaxes que afectará a milleiros de composteláns

Demanda a transferencia da AP-9 á Xunta de Galiza e que se supriman as peaxes

O BNG traslada unha moción ao Pleno para rexeitar a suba das peaxes que afectará a milleiros de composteláns

Santiago de Compostela, 4 de decembro de 2017.- O grupo municipal do BNG trasladará ao vindeiro Pleno unha moción para manifestar o rexeitamento á suba das peaxes na AP-9, instando á Xunta de Galiza a que demande a súa supresión e a que cumpra os acordos do Parlamento galego e demande do Goberno do Estado a transferencia da autoestrada á administración galega. Segundo explicou Rubén Cela, portavoz municipal nacionalista, este incremento repercutirá de xeito negativo na economía local de Compostela, porque hai milleiros de veciños e veciñas que se desprazan a diario a Vigo, Pontevedra e A Coruña por motivos de traballo.

O Goberno do Estado, a través do Ministerio de Fomento, acaba de autorizar a Audasa unha suba extraordinaria durante os próximos 3 anos do 3,1% para todos os tramos da AP-9, que representa o dobre do IPC. A privatización da AP-9 no 2003 está a significar grandes incrementos das peaxes nunha infraestrutura que está en mans dun fondo especulativo norteamericano e que goza dunha concesión ampliada até o ano 2048 baixo o Goberno do PP presidido Aznar, pese a que a infraestrutura xa está amortizada, como demostran os multimillonarios beneficios da empresa concesionaria.

Estes beneficios nin sequera repercuten na mellora do servizo, posto que non se mellorou a iluminación nin o asfaltado en moitos tramos e reduciuse drasticamente o persoal das cabinas de pago, ademais de rexistrar colas de horas en períodos estivais ou datas sinaladas sen se adoptaren medidas de ningún tipo.

“O BNG leva demandando desde hai anos que se tomen medidas para que a AP-9 sexa unha vía de comunicación galega, de competencia do Goberno galego e de acceso gratuíto para todas as galegas e galegos”, recolle o texto da moción. Nomeadamente, o BNG presentou iniciativas tanto no Parlamento de Galiza como no Congreso dos Deputados para demandar, entre outras medidas, a súa transferencia á Xunta de Galiza e que se suprimisen as peaxes.

O ano pasado, o Parlamento de Galiza, por unanimidade das forzas políticas, aprobou a 'Proposición de Lei  Orgánica de transferencia da titularidade e competencias da AP-9 á Comunidade Autónoma de Galiza', que foi remitida ao Congreso para a súa tramitación e aprobación final.

O Bloque Nacionalista Galego aspira a que desde Galiza se tome o control desa autoestrada para rematar coas deficiencias na súa xestión, as tarifas abusivas, os incrementos constantes e mesmo que sexa empregada como obxecto especulativo por parte de grandes fondos de investimento dados os altos beneficios que xera a custa do peto de sufridos usuarios e usuarias da AP-9.

O BNG traslada unha moción ao Pleno para rexeitar a suba das peaxes que afectará a milleiros de composteláns