FACENDA

O BNG traslada as propostas para incluír nos remanentes “para favorecer o tecido comercial, cultural e asociativo, ademais de creación de emprego e de obras de seguranza viaria e accesibilidade”

orzamentos
orzamentos

Goretti Sanmartín considera “inxustificábel” que quedasen sen gastar 23 millóns de euros do Orzamento de 2021

O BNG traslada as propostas para incluír nos remanentes “para favorecer o tecido comercial, cultural e asociativo, ademais de creación de emprego e de obras de seguranza viaria e accesibilidade”

Santiago de Compostela, 6 de maio de 2022.- A portavoz municipal Goretti Sanmartín, trasladou á Alcaldía e á concelleira de Facenda as propostas do BNG para o destino dos remanentes de 2021 “para favorecer tecido comercial, cultural e asociativo, ademais de creación de emprego e de obras de seguranza viaria e accesibilidade para mellorar as condicións de vida da veciñanza”.

O BNG enviou hoxe, tal como se acordou na Xunta de Portavoces, as propostas que considera que deben incluírse na proposta de distribución de fondos para os remanentes de tesouraría de 2021 que, tal como propón o Goberno local, van debaterse este mes de maio.

“O PSOE de Sánchez Bugallo foi de mal en peor, comezou afirmando que conseguiría regularizar todas as concesións en precario e mellorar o grao de execución e, conforme pasa o tempo, nada diso é realidade”, explicou Goretti Sanmartín. Así, puxo como exemplos “o contrato do transporte, cuxa adxudicación non veremos neste mandato; o da auga, cos pregos sen rematar e a negativa a estudar un cambio de modelo; ou o de recollida de lixo, cun novo contrato que vai de verde mais onde se recicla menos que nunca e onde se continúan incumprindo os pregos, como onte denunciamos”.

Respecto do grao de execución do ano 2021, seguen cun 20,8% no capítulo VI e, por tanto, deixaron 80 de cada 100 euros sen gastar. “E temos nin máis nin menos que 23 millóns de euros de remanentes, unha cantidade inxustificábel”, que o grupo de Goberno achaca á Administración electrónica e a un cambio de criterio que din que descoñecían. “Isto si que parece a Pegasus; se o sabían, mal por non telo evitado, e se non o sabían, peor pola pésima comunicación interna co persoal municipal e as persoas habilitadas”, engadiu.

Facturas sen pagar

Destes 23 millóns de euros, 6.388.921 euros son de facturas sen pagar a provedores e 1.315.769 euros de axudas sen pagar a asociacións, en total hai case 8 millóns de euros sen pagar a provedores, empresas culturais e deportivas; o que definiu como “un verdadeiro escándalo”. “O que máis se pregunta na rúa é cando vai pagar o Concello e logo hai expedientes que pasarán polo Pleno por terceira vez porque non se executaron nunha primeira nin segunda vez”, indicou. “Nunca houbo tantos modificativos de créditos, erros, problemas, mudanzas mais no fondo todo continúa igual ou peor porque o Concello non paga en tempo”, engadiu.

Dos 7.200.000 euros reais, descontadas todas as operacións que faltan e que boa parte delas podían terse incorporado ao orzamento de 2022, o BNG propón, tendo en conta que xa se falou de dedicar boa parte destes investimentos a axudas de sectores afectados, unha distribución que fixo chegar hoxe á Alcaldía.

Propostas do BNG

Así, detallou o incremento da cantidade prevista de 1 millón de euros para Bonos Corazón para comercio e hostalaría, cunha porcentaxe maior a comercio de proximidade, que é quen máis o precisa; e tamén o incremento para o sector profesional de Cultura.

“Concordamos coa partida de 300.000 euros para empresas de economía social e de 200.000 euros para mellorar as prácticas de economía circular nas empresas”, indicou, ademais de incrementar a cantidade para a contratación de persoal desempregado e para actividades na rúa de dinamización comercial e hostaleira. “É importante dedicar 150.000 euros a un plan de emprego centrado, fundamentalmente, na mocidade e nas mulleres”, sinalou. Tamén coincide en destinar 600.000 euros a actuacións de mellora previstas na praza de abastos.

Para o BNG cómpre incrementar a partida de 100.000 euros para asociacións veciñais, pois despois de dous anos con pouca actividade derivada da pandemia necesitan ese apoio económico para impulsar a socialización, segundo expresou. “Entendemos que hai que incrementar a partida para o departamento de Lingua”, engadiu. Ademais, inclúe a proposta de 50.0000 en colaboración coa Deputación para a dotación dunha sala de usos múltiples para a Asociación Cultural A Rocha Forte, para que sexa unha realidade en 2022.

Outra das propostas é que se incorpore a cantidade para a apertura da rúa Mallou e a apertura dun novo viario entre a rúa da Nogueira e a rúa de Mallou; “esta cuestión que foi aprobada xa nun Pleno por iniciativa do BNG en febreiro de 2021 debe facerse e non ten que ver con instalar ou non a Plataforma loxística de transporte de mercadorías no Meixonfrío, pois defendemos que ese non é o lugar idóneo porque xa estaba aprobado destinar esa parcela a espazo de ocio, esparexemento e servizos para a veciñanza”, indicou.

“É bo momento para realizar a terceira fase das obras dos Basquiños até a praza da Paz, en San Caetano”, engadiu. Na proposta de Orzamentos de 2022, o PSOE non quixo incluír un plan de iluminación para pasos de peóns e peoas, e agora é bo momento para destinar 100.000 euros para mellorar a seguranza viaria en lugares onde a visibilidade é escasa e entraña perigo.

Tamén é bo momento para dotar Os Vilares de beirarrúas e adoptar medidas de seguranza na Gracia, con 150.0000 euros, igual que para facer un plan de mellora do remate das obras de Vista Alegre, con 100.000 euros, segundo incluíu no documento.

O BNG traslada as propostas para incluír nos remanentes “para favorecer o tecido comercial, cultural e asociativo, ademais de creación de emprego e de obras de seguranza viaria e accesibilidade”