SERVIZOS BÁSICOS

O BNG traslada unha reclamación a Naturgy polos danos causados á veciñanza e negocios da Cidade histórica polo corte de luz

Goretti Sanmartín
Goretti Sanmartín

Foron realizados sen previo aviso, cando eran arranxos programados   

O BNG traslada unha reclamación a Naturgy polos danos causados á veciñanza e negocios da Cidade histórica polo corte de luz

Santiago de Compostela, 9 de maio de 2022.- A portavoz municipal do BNG, Goretti Sanmartín, trasladou á Alcaldía e ás oficinas de Naturgy unha reclamación polos danos ocasionados polo corte de subministración eléctrica o pasado domingo na Cidade histórica, ante os danos económicos e molestias causadas á veciñanza e negocios. Reclama unha cuantificación das perdas e unha indemnización, tendo en conta que eran arranxos programados efectuados sen previo aviso.

 

O transformador de Naturgy situado na praza do Toural deixou sen subministración eléctrica o domingo 8 de maio residentes, comercio e hostalaría ao padecer distintos cortes de luz. Estes cortes na distribución de enerxía, realizados sen previo aviso, cando supostamente se trataba de arranxos programados como se puido saber despois, causou danos económicos tanto ás persoas que habitan na Cidade histórica, por mor da interrupción da refrixeración e conxelación de alimentos, como a comercios que estragaron a mercadoría e a negocios de hostalaría que non puideron desenvolver a xornada de traballo con normalidade ao non dispor da maquinaria e da iluminación.

 

Estes cortes de enerxía súmanse a outros anteriores como a avaría dese mesmo transformador que deixou sen luz 2.000 vivendas durante horas en xuño de 2021, que tamén ocasionou perdas económicas, ademais das molestias causadas pola falta deste ben básico.

 

Deste xeito, o BNG trasladou unha reclamación a Naturgy para que se cubran os custes económicos polos danos causados ás persoas habitantes e negocios que perderon as súas mercadorías e xornada de traballo, ademais dunha indemnización. Incidiu na necesidade de que proceda a avisar con antelación cando teña que facer reparacións programadas, co obxectivo de minimizar os danos.

 

De xeito paralelo, Goretti Sanmartín formuloulle unha batería de preguntas ao alcalde destinadas a que se proceda a cuantificar os danos causados á veciñanza e negocios derivados deste corte de luz e a propor presentar unha reclamación conxunta desde o Concello para evitar que se volvan repetir.

 

 

O BNG traslada unha reclamación a Naturgy polos danos causados á veciñanza e negocios da Cidade histórica polo corte de luz