ENSINO
O BNG reclama a ampliación do prazo da solicitude de bolsas de comedor e material escolar polos problemas da administración electrónica
Goretti Sanmartín demanda actividades de conciliación tamén en agosto para as familias que traballan nese mes
Santiago de Compostela, 13 de maio de 2022.- A portavoz municipal do BNG, Goretti Sanmartín, reclama a ampliación do prazo de solicitude de bolsas de comedor e material escolar ante os problemas vinculados á administración electrónica, que derivaron do Rexistro municipal ao da Xunta ás familias para realizaren esta xestión.
Segundo a información que trasladaron ao BNG, isto agrávase cunha comunicación que recibiron aquelas persoas que cursaron a solicitude nos primeiros días do prazo, en que se lles indica que deben volver presentar a documentación debido a que non quedou ben rexistrada.
Para o BNG, o Concello de Santiago debe facilitar e ampliar este prazo, que remata o 18 de maio, para fomentar a participación en comedores e actividades de conciliación, pois é unha medida para brindar a igualdade de oportunidades a nenos e nenas.
Ademais desta situación caótica no procedemento das bolsas de comedor e material escolar, faltan por anunciar as actividades de conciliación nos centros de ensino, cando é necesario que se convoquen para facilitar a organización das familias de cara ao verán. Así, a falta de coñecemento de prazas de actividades en centros de ensino organizadas polo Concello de Santiago, xunto con definir os centros en que se desenvolven, favorece os modelos privados e relixiosos, pois xa é tarde para a organización das familias durante as vacacións escolares. Neste sentido, o BNG reclama que se inclúan tamén durante o mes de agosto, pois son moitos pais e nais que traballan nese período e precisan actividades, campamentos urbanos e obradoiros municipais para as crianzas.
O BNG advirte da falta de criterio e do silencio do concelleiro e insiste na necesidade de que o Concello de Santiago realice unha programación anual de actividades de conciliación (Nadal, entroido, Semana Santa e verán), para ter unha maior previsión na súa organización, tal como se aprobou en Pleno en novembro de 2016, pois isto facilita a coordinación das actividades tanto no ámbito municipal como para as familias.