SANIDADE
O BNG propón designar o Hospital provincial de Conxo ‘Ramón Baltar’ en recoñecemento ao seu labor
O escritor Suso de Toro sacou á luz a historia deste médico compostelán que impulsou este centro sanitario durante o franquismo
Santiago de Compostela, 14 de maio de 2022.- A portavoz municipal do BNG, Goretti Sanmartín, trasladará ao Pleno unha moción para instar a Xunta a realizar os trámites necesarios para denominar o Hospital provincial de Conxo ‘Ramón Baltar’.
“O escritor Suso de Toro, ben coñecedor da historia de Santiago de Compostela, rescatou nun artigo publicado recentemente a proposta para que as autoridades atendan a demanda social de nomear ‘Ramón Baltar’ o Hospital provincial de Conxo, para alimentar a memoria cívica e servir de recoñecemento a que foi o seu impulsor”, explicou a portavoz do BNG.
Como relata Suso de Toro, foi precisamente ese cirurxián quen conseguiu primeiramente que unha parte do Hospital das Galeras se destinase á beneficencia e despois, con moito empeño, que se construíse o Hospital provincial de Conxo.
Santiago de Compostela débelle a Ramón Baltar Domínguez un recoñecemento público e a divulgación do seu bo facer para o conxunto da veciñanza neses tempos da ditadura especialmente complicados no ámbito económico e político, en que soubo sortear numerosas dificultades para conseguir mellorar a calidade sanitaria, coa dotación destas infraestruturas hospitalarias para persoas de toda condición social e con carácter público. “De feito, Ramón Baltar foi unha persoa que semre axudou os colectivos e persoas desfavorecidas e aquelas sobre as que se exercía represión”, indicou. O Hospital Provincial de Conxo está emprazado na rúa de Ramón Baltar e a designación do centro sanitario co seu nome complementa á perfección a súa localización, engadiu.
Así, o grupo municipal do BNG solicitará do Pleno da Corporación municipal que o Concello de Santiago de Compostela inste a Xunta de Galiza a realizar os trámites necesarios para denominar o Hospital provincial de Conxo ‘Ramón Baltar’.