REMANENTES
O BNG conseguiu incrementar as partidas para fomento do emprego, axudas para asociacionismo veciñal, comercio, hostalaría e cultura
Reclama tamén investimentos en Mallou, Vista Alegre, Os Basquiños, A Gracia, O Avío e A Rocha, entre outras
Santiago de Compostela, 16 de maio de 2022.- O BNG conseguiu incluír no reparto de fondos dos remanentes de tesouraría diversas actuacións destinadas á recuperación de comercio, hostalaría e cultura, fomento do emprego estábel, asociacionismo veciñal, promoción da lingua galega, accesibilidade e seguranza viaria e un paquete de actuacións para a mellora da calidade de vida nos barrios.
Logo de que o Goberno do PSOE deixase sen gastar 23 millóns de euros que estaban consignados nos Orzamentos de 2021, debido á súa incapacidade de xestión, é necesario reasignar ese diñeiro público a necesidades prioritarias que demanda a veciñanza.
Deste xeito, o BNG conseguiu incrementar as axudas a comercio e hostalaría mediante os Bonos Corazón e actividades de dinamización, coa dobre vertente de favorecer clientela e negocios, e as axudas ao sector cultural que ten un peso moi destacado na economía local e se viu especialmente afectado pola crise derivada da pandemia. Tamén reclama subir as partidas para a contratación de persoas desempregadas, mocidade e mulleres, que son as que presentan taxas máis elevadas de paro.
Outra parte das propostas do BNG vai encamiñada a incrementar os fondos para o fomento da lingua galega e as partidas de axudas para asociacionismo veciñal e comercial.
No apartado de seguranza viaria e accesibilidade, as propostas do BNG van destinadas a cumprir acordos plenarios no relativo á mellora da sinalética e iluminación de pasos de peóns, así como en diversos barrios.
Demanda partidas para as obras na praza de abastos, sala de usos múltiples na Rocha, remate e arranxos en Vista Alegre, acondicionamento de beirarrúas e seguranza viaria nos Vilares, na Gracia, a terceira fase das obras dos Basquiños e un parque infantil no centro sociocultural do Romaño. Ademais, reclama 1 millón de euros de investimentos para actuacións en Mallou, no Meixonfrío.
O grupo nacionalista concorda tamén cos outros grupos en realizar investimentos que xa foron aprobados en Pleno nos barrios de Conxo e Sar e en dotar de sinalética adecuada as parroquias e lugares do rural.
O BNG considera que estas propostas, que se prevén aprobar no vindeiro Pleno ordinario, contribúen a mellorar a calidade de vida da veciñanza, mais non deixará de estar vixiante para que realmente se cumpran. Pola experiencia deste Goberno local do PSOE, que demostrou nestes tres anos a falta de cumprimento por incapacidade de xestión, é necesario facer un labor de control para que realmente se realicen estas actuacións.