SAF
O BNG traslada ao Pleno as demandas das traballadoras do Servizo de Axuda no Fogar destinadas a mellorar a súa calidade
Goretti Sanmartín reuniuse co comité de empresa deste colectivo
Santiago de Compostela, 17 de maio de 2022.- O grupo municipal do BNG mantivo unha reunión co persoal do Servizo de Axuda no Fogar (SAF), un colectivo que integra 170 traballadoras en Santiago de Compostela, de cara a trasladar ao Pleno de maio as súas demandas.
Así, o BNG proporá unha zonificación das áreas de traballo para a dupla función de acurtar os tempos de desprazamento e de ter dispoñibilidade para aparcar segundo as tarxetas asignadas polo departamento de Tráfico na zona ORA.
Ademais, é necesario o cumprimento e actualización do convenio colectivo, que é de 2010-2012, e que se respecten as quendas de traballo e horarios dos tempos de descanso entre xornadas. Indican tamén que a empresa non senta a negociar o novo convenio.
Propoñen realizar unha campaña divulgativa das funcións que lles corresponden, pois teñen que destinar o 80% do tempo á atención persoal e o 20% á limpeza básica, cando na realidade hai casos en que se lles obriga a realizaren limpezas a fondo dos fogares, no propio plan de traballo de servizos sociais municipais, que non recolle aspectos para exercer os seus verdadeiros cometidos de acompañamento no paseo, ximnasia física e mental para incrementar o benestar e mantemento físico e psicolóxico das persoas que atenden.
Deste xeito, o BNG formulará unha pregunta para coñecer se o Goberno local vai facer unha reclamación á empresa concesionaria do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) para a zonificación das áreas de traballo (e mentres non se realice permitir que aparquen en calquera zona ORA), ademais de cominar á actualización e cumprimento do convenio colectivo para garantir os seus dereitos laborais e a realizar unha campaña divulgativa das súas funcións onde se primen no plan de traballo de servizos sociais municipais os labores de acompañamento e ximnasia nun 80% e de aseo persoal e limpeza básica nun 20% do horario.