PLENO
O BNG traslada ao Pleno as demandas da veciñanza do Avío, A Torreira e o Romaño para gañar calidade de vida neste barrio
Goretti Sanmartín conseguiu incluír nos remanentes a construción dun parque infantil no centro sociocultural do Romaño
Santiago de Compostela, 18 de maio de 2022.- A portavoz municipal do BNG, Goretti Sanmartín, visitou xunto coa veciñanza do barrio do Avío, a Torreira e o Romaño os distintos puntos que precisan labores de mantemento por parte do Goberno local e anunciou que trasladará unha proposición ao Pleno de maio para mellorar estes espazos públicos. Ademais, conseguiu incluír na negociación dos remanentes de tesouraría unha partida para facer un parque infantil na parcela do centro sociocultural do Romaño, concibido como un complemento á oferta de lecer e de lugar de encontro interxeracional neste barrio.
Así, o BNG proporá no Pleno proceder á reordenación do tráfico na praza da rúa da Torreira e aos labores de mantemento, seguranza viaria e mellora da limpeza no barrio do Avío. Tamén reclamará unha oferta no programa xeral dos centros socioculturais con máis actividades e máis adecuadas para o lecer e a saúde das persoas maiores. O terceiro punto da iniciativa vai destinado a que o Goberno local realice as xestións necesarias para, en colaboración con outras administracións, darlle continuidade á reurbanización da travesía provincial do ámbito do Avío-Torreira-Romaño.
A veciñanza do barrio do Avío, A Torreira e O Romaño enviou aos grupos municipais un informe coas demandas de obras de conservación e infraestruturas de servizos básicos. Destas reclamacións, a maioría son relativas ao mantemento e limpeza de elementos de zonas públicas, que requiren un escaso investimento económico, e que xa deberían estar programadas para facer de xeito periódico para evitar unha maior deterioración e gasto dos recursos.
No ámbito da seguranza viaria, requiren a instalación de varandas, por risco de caída, en diversos puntos do barrio e a suxeición con parafusos dos pasamáns das escaleiras que comunican a rúa da Torreira coa Torreira de Arriba, así como proceder á súa limpeza, cuestións que pode facer a propia brigada municipal.
Tamén é necesario colocar un espello de tráfico entre o nº 59 e o nº 61, onde existe perigo de accidentes por escasa visibilidade, na rúa Torreira de Arriba, e cómpre repintar todos os pasos de peóns e a instalación de sinalización vertical nas paradas de autobús, xunto coa reposición de baldosas e de bordes rotos.
En canto aos sumidoiros, existen numerosas arquetas en mal estado, ademais da falta de limpeza do canlón de saída da auga do lavadoiro, xa que está continuamente atascado e inunda a estrada con frecuencia. Propoñen acondicionar unha zona de descanso, con mesas e bancos ao pé do hórreo situado na metade das escaleiras que unen a rúa da Torreira coa rúa da Torreira de Arriba.
Advirten tamén de que nas zonas de Casal de Hortas, Montes e na rúa do Romaño non dispoñen de saneamento nin de abastecemento de auga, uns servizos básicos que é necesario implementar.