PLENO

O BNG propón que o Concello inicie o procedemento para optar ao título “Santiago de Compostela, Cidade Europea do Deporte”

Goretti Sanmartín (BNG)
Goretti Sanmartín (BNG)

Goretti Sanmartín reclama tamén que se organice unha media maratón ante a afección desta modalidade deportiva

O BNG propón que o Concello inicie o procedemento para optar ao título “Santiago de Compostela, Cidade Europea do Deporte”

Santiago de Compostela, 19 de maio de 2022.- Goretti Sanmartín anunciou que o BNG trasladará ao Pleno dúas mocións para que o Concello inicie os trámites e resolva as carencias existentes en dotacións deportivas para optar ao título de “Santiago de Compostela, Cidade Europea do Deporte” e para organizar, en colaboración con clubs deportivos, unha media maratón en Santiago de Compostela, co fin de fomentar a práctica desta modalidade e de atraer profesionais e afeccionados/as.

“Con isto, Santiago pode contar cun calendario de actividades deportivas, unha promoción do deporte de base e de deportes minoritarios, ademais de organizar un congreso ou evento internacional”, explicou en rolda de prensa.” Isto pode aproveitarse para resolver as carencias en infraestruturas deportivas que ten este concello, que non moitas, pois aínda carece dun Plan director para conseguir unhas dotacións que Santiago, como capital de Galiza, merece”, engadiu. Para esta candidatura, cómpre realizar un esforzo na mellora dos equipamentos e das actividades organizativas do deporte, procurar un incremento das persoas que practican deportes como hábito saudábel e contar coa participación cidadá, tanto a título individual como en clubs.

“Hai moita afección ao deporte, que é tamén saúde, e a pandemia demostrou o interese da xente polo deporte e o que tería que facer o Concello de Santiago é presentar a súa candidatura antes do 30 de xuño”, sinalou, “pode ser pouco tempo para facelo pero hai moitas outras cousas en que o Goberno local traballa no límite cando lle interesa e fai as súas propostas, como o Plan de Sustentabilidade Turística ou a Plataforma Loxística de Mallou”.

Así, explicou que hai que facer “un estudo previo”, “unha análise para saber se estamos en condicións de cumprir e facer ese esforzo de equipamentos, para diversificar as actividades no ámbito deportivo e incrementar o número de persoas usuarias das instalacións deportivas municipais, a posta en marcha de escolas deportivas municipais para nenos e nenas”. Pode, así, principiar os preparativos e resolver as carencias en infraestruturas deportivas co fin de optar a esta distinción en 2023 e, de non ser posíbel, que sexa realidade en 2024.

Media maratón

Ademais, o BNG proporá que Santiago de Compostela, que ten unha grande afección polo running e o trail, organice unha media maratón. “De feito, a carreira pedestre celebrou en 2019 a súa 42 edición, que se viu interrompida pola pandemia en anos posteriores, e tamén son ben coñecidas as carreiras Sant Yago convocadas nos últimos anos para animar a xente a correr e gozar á vez de Santiago”, indicou. Explicou tamén que hai numerosas peticións de clubs e deportistas afeccionados/as para conseguir novas pistas de atletismo.

“Á vista do elevado número de persoas que practican este deporte con asiduidade e mesmo participan en eventos noutras vilas e cidades, Santiago de Compostela pode organizar unha media maratón ou maratón, como teñen Vigo, Pontevedra, Ferrol, A Coruña e Lugo teñen unha carreira con esta distancia, e Ourense fai o desafío 42 Km coas localidades próximas e adoita incluír unha media pero non na propia cidade”, dixo.

Pódese lembrar que houbo dúas edicións de media maratón nos anos 2014/2015 con inicio no concello do Pino e final en Santiago de Compostela pero foron probas non homologadas. Nos seguintes anos realizouse a proba entre Arzúa e O Pino.

“Agora mesmo estanse promocionando as Cidades Patrimonio de Humanidade a través de carreiras, coa diferenza de que mentres Córdoba, Cáceres ou Tarragona dispoñen dunha media maratón, Santiago faino coa carreira nocturna de 10K”, sinalou.

 

O BNG propón que o Concello inicie o procedemento para optar ao título “Santiago de Compostela, Cidade Europea do Deporte”