PLATAFORMA LOXÍSTICA
O BNG solidarízase coa veciñanza que rexistrou 1.500 sinaturas contra a instalación da Plataforma loxística en Mallou
Santiago de Compostela, 20 de maio de 2022.- A portavoz municipal Goretti Sanmartín sinalou que o BNG quere manifestar “a súa solidariedade coa veciñanza da Casa Agraria que se opón á localización da Plataforma loxística de transportes de mercadorías de Mallou, cando entregaron no Rexistro do Concello 1.500 sinaturas de persoas residentes no barrio porque consideran que ese non é o lugar máis adecuado nin houbo ningún diálogo coa veciñanza”.
Lembrou que nesa parcela onde o alcalde pretende instalar esa plataforma loxística estaba prevista unha dotación con zona deportiva, parque xeronto-infantil, usos sociais e de lecer, aparcadoiro disuasorio e campo da festa, a raíz dunha iniciativa do BNG aprobada en Pleno.
“Non hai outras alternativas para localizar estas dotacións que estaban aprobadas en Pleno e si que as hai para a Plataforma loxística de transportes”, explicou.
Ademais, Goretti Sanmartín expresou que o BNG defende que se busque outra localización e, diante da oposición veciñal e da falta de diálogo do PSOE, anunciou que “este proxecto cando vaia ao Pleno para a súa aprobación, o BNG votará en contra desta localización”, “polo que debe ser agora cando o Goberno local recapacite e dialogue coa veciñanza e busque outro espazo alternativo”.
A portavoz municipal do BNG mantivo un encontro coa veciñanza de Mallou, ao que asistiron máis de 50 persoas afectadas pola escolla desta parcela para a Plataforma loxística por parte do Goberno local do PSOE, ademais dun diálogo fluído e constante coa directiva da asociación veciñal.