PLENO

O BNG propón a instalación de códigos QR e NaviLens para mellorar a información sobre os nomes das rúas e roteiros de Santiago

Goretti Sanmartín Rei
Goretti Sanmartín Rei

Goretti Sanmartín explica que isto pode contribuír a favorecer o coñecemento que reciben tanto visitantes como residentes

O BNG propón a instalación de códigos QR e NaviLens para mellorar a información sobre os nomes das rúas e roteiros de Santiago

Santiago de Compostela, 23 de maio de 2022.- O grupo municipal do BNG trasladará unha iniciativa ao Pleno de maio para instalar códigos QR e NaviLens, ou coa tecnoloxía que considere oportuna, para mellorar a sinalética e ofrecer información sobre o nomenclátor das rúas e roteiros destacados. “Ademais, instamos a que todas as rúas estean identificadas, con placas en todos os cruzamentos, e a mantelas en bo estado”, sinalou Goretti Sanmartín.

“Cada vez son máis as cidades que teñen códigos tecnolóxicos para contar desde unha aplicación móbil detalles do nome e da historia das rúas, xunto con fotografías e vídeos, que ilustran a información”, explicou Goretti Sanmartín. Isto pode contribuír a mellorar a información que reciben tanto visitantes como residentes.

Nalgunhas vilas e cidades instaláronse códigos con tecnoloxía NaviLens, que facilitan moverse a unha distancia superior, aínda que a placa estea situada nun lugar elevado, xa que non precisan ser enfocados co teléfono móbil, e gañan en accesibilidade, posto que poden ser usados por persoas con discapacidades visual, auditiva, cognitiva ou motriz, recolle a proposición do BNG.

“Deste xeito, Santiago de Compostela pode usar algúns destes sistemas de tecnoloxía para mellorar a sinalética e dar información sobre o nomenclátor das rúas, como fonte de coñecemento, independentemente de que xa se instalen en monumentos e parques, ademais de servir para a creación de itinerarios turísticos e culturais”, indicou.

 

O BNG propón a instalación de códigos QR e NaviLens para mellorar a información sobre os nomes das rúas e roteiros de Santiago