ORZAMENTOS
O BNG vota a favor dos Orzamentos 2017 ao incluír 31 propostas de colectivos que trasladou á negociación
Rubén Cela: “Fomos moi esixentes porque así se conseguirán melloras para a veciñanza”
Santiago de Compostela, 18 de febreiro de 2017.- O grupo municipal do BNG votou a favor dos Orzamentos 2017, por responsabilidade coa cidade, ao incluír 31 propostas de colectivos veciñais, sociais e deportivos trasladadas pola formación nacionalista durante o proceso de negociación con Compostela Aberta. “Este non é o Orzamento que faría o BNG nin tampouco pretendemos que o fose, mais intentamos melloralo e atender as necesidades máis urxentes de Santiago de Compostela”, explicou Rubén Cela no Pleno.
“Un goberno en minoría non pode actuar como se tivese maioría absoluta, ten a obriga de dialogar e de chegar a acordos”, afirmou. Ademais, advertiu que o rol do BNG na oposición “será fiscalizar a acción de Goberno, denunciar aquelas cousas que non se fan ben e ter unha actitude propositiva para chegar a acordos beneficiosos para a veciñanza de Santiago de Compostela”.
Nas alternativas posíbeis, podíanse prorrogar as contas de 2016, vincular a aprobación a unha cuestión de confianza ou negociar e chegar a un acordo que viabilizase a aprobación dun novo Orzamento para 2017. Así, “o BNG actuou con transparencia e entregoulle ao grupo de Goberno un documento con perto de 40 propostas importantes para incorporar” e, a partir de aí, a negociación foi “complexa e intensa”, “fomos moi esixentes co convencemento de que así se conseguirían melloras para a veciñanza”.
Entre as propostas do BNG incluídas nos Orzamentos, figuran reivindicacións das ANPAs como o traslado da Escola Municipal de Música para recuperar o espazo no CEIP Apóstolo Santiago, medidas de conciliación e de actividades extraescolares a proposta da Federación de ANPAs ou o arranxo do aparcadoiro do Conservatorio. Procedentes do asociacionismo veciñal, incorporouse o arranxo da Casa das Máquinas de Galeras, obras en Triacastela, a senda peonil ao Pedroso e catro parques infantís cubertos nos barrios.
O aparcadoiro no campus sur era unha das reivindicacións do asociacionismo comercial; do mesmo xeito que a pistas de squash, de bádminton, tenis de mesa, a cuberta da piscina do Sar e o skate park proceden de diversos colectivos deportivos. Incorporáronse tamén medidas de seguridade viaria, a proposta de colectivos de motoristas, e a reestruturación do parque de bombeiros, do persoal municipal.
Tamén se trasladaron acordos plenarios aos que se lles asignou dotación orzamentaria como o Plan de Emprego Xuvenil, o parque urbano das Hortas, a rede de aparcadoiros para bicicletas, maior investimento nas pistas do rural, nova dotación de marquesiñas para o bus urbano, arranxo de vías, beirarrúas e mobiliario urbano no campus, o acondicionamento do lugar do Banquete de Conxo, proseguir o Plan Especial das Brañas do Sar e a previsión de construír unha planta de compostaxe.
Porén, non se incluíron outras propostas do BNG como o arranxo da rúa dos Concheiros, a nave de asociacións, o arranxo e creación de novos baños públicos, unha liña de subvencións para locais con licenzas antigas na zona vella, un departamento de inspección de concesións de servizos públicos ou o viveiro de empresas para xente nova nos locais pechados da zona vella.