PLENO

O BNG leva ao Pleno preguntas sobre o servizo da ORA e da banda de música que Compostela Aberta non contesta por escrito

Fan parte dunha listaxe de máis de 30 solicitudes das que o Goberno local non facilita información, o que supón unha falta de transparencia

O BNG leva ao Pleno preguntas sobre o servizo da ORA e da banda de música que Compostela Aberta non contesta por escrito

Santiago de Compostela, 11 de abril de 2017.- O grupo municipal do BNG rexistrou dúas preguntas para resposta oral no Pleno, por mor de que xa foran realizadas por escrito sen obter a contestación pertinente. Estas dúas preguntas, relativas ao servizo de ORA e á banda municipal de música, son dous exemplos das máis de 30 que o Goberno de Compostela Aberta mantén sen responderlle ao BNG, o que supón unha falta de transparencia notábel, posto que ten a obriga de contestar en 20 días.

En concreto, solicitará deste xeito información relativa á licitación do contrato de ORA e guindastre por parte de Setex-Aparki para saber canto ten ingresado nas arcas municipais esta concesionaria en concepto de canon fixo e canon variábel en cada un dos trimestres do exercicio 2016.

Na pregunta sobre a banda municipal de música, o BNG quere saber que previsión manexa o Goberno local para cubrir a praza de director/a que está vacante dende o 31 de maio de 2016; así como as funcións administrativas e artísticas que se lle encomendan ao director, xerente, segundo director e responsábel da banda (de nova creación); a previsión para solucionar o remate de contratos de músicos que expiraron o 31 de marzo de 2017 e, finalmente, se ten previsto aprobar un calendario laboral específico para a banda como estabelece o convenio colectivo.


 

Para o BNG, o feito de Compostela Aberta non facilitar tanto a documentación solicidada por rexistro como a información requirida mediante preguntas sobre determinados temas, pese á reiteración da petición nalgúns casos, demostra o escaso afán de transparencia que está a caracterizar o Goberno local de Martiño Noriega en determinados temas para poder realizar o labor de control de oposición.

O BNG leva ao Pleno preguntas sobre o servizo da ORA e da banda de música que Compostela Aberta non contesta por escrito