ENSINO

Cómpre axilizar a contratación das actividades de conciliación para os períodos de vacacións escolares

En Santiago de Compostela hai 9.201 nenos e nenas en idade escolar que aínda non dispoñen do programa municipal para Semana Santa

Cómpre axilizar a contratación das actividades de conciliación para os períodos de vacacións escolares

Santiago de Compostela, 22 de marzo de 2017.- O portavoz do grupo municipal do BNG, Rubén Cela, advertiu da “falta de previsión do Goberno local nas actividades de conciliación para as vacacións escolares de Semana Santa, que dificulta a planificación de nais e pais, pois a dúas semanas do seu inicio non se coñece a oferta municipal nin o período de inscrición”.

“No ano 2016, a inscrición comezou o 7 de marzo cando luns, martes e mércores de conciliación eran o 21, 22 e 23 e se aprobaba en Xunta de Goberno a contratación o 4 de febreiro, con 44 días de antelación, e daquela xa nos parecía tarde”, explicou Rubén Cela. “Que nós teñamos constancia, en Xunta de Goberno ordinaria, non foi aprobado –agás que se fixese nunha extraordinaria que non se comunicase á oposición- e ese servizo está sen contratar”, engadiu.

Para o BNG, con independencia dos trámites burocráticos, esas actividades deberan estar promocionadas cun mínimo de 3 semanas de antelación nas Asociacións de Nais e Pais (ANPA).

Cómpre lembrar que no mes de novembro o BNG trasladou unha iniciativa sobre isto, “que se aprobou por unanimidade pero non tivo ningún tipo de verificación práctica e foi unha das esixencias que o BNG puxo para dar o seu visto bo para os orzamentos 2017”, sinalou o portavoz municipal nacionalista.

Deste xeito, o BNG reclama que haxa unha única contratación con todos os principios públicos de transparencia e de concorrencia para o conxunto das actividades de conciliación coa posibilidade de anotarse ao paquete completo, para permitir que a publicidade e os períodos de inscrición fosen con maior antelación, de xeito que se optimicen os recursos públicos ao ser a economía de escala, con prezos públicos asequíbeis para as familias, cunha coordinación real das actividades coa Federación de ANPAs e cunha maior descentralización. En 2016, a oferta municipal só era no Raíña Fabiola e Fontiñas e tivo que ser a FANPA quen ampliase a Roxos e Quiroga Palacios para cubrir a demanda existente.

 

Esta non é unha actuación sobrevida, como poden ser as alertas meteorolóxicas que inciden na adopción de medidas concretas no ensino, dixo Rubén Cela, por iso se require un traballo mellor planificado e con antelación suficiente para coñecer a oferta municipal antes dos períodos de vacacións que figuran no calendario escolar.

 

 

Cómpre axilizar a contratación das actividades de conciliación para os períodos de vacacións escolares