CONSORCIO

O Consorcio da Cidade só destina 250.000 euros a rehabilitar vivendas e locais da zona vella dun orzamento de 9 millóns de euros

Rubén Cela considera insuficiente esta cantidade e reclamará na Xunta de Portavoces a reorientación dos vindeiros orzamentos para recuperar poboación

O Consorcio da Cidade só destina 250.000 euros a rehabilitar vivendas e locais da zona vella dun orzamento de 9 millóns de euros

Santiago de Compostela, 30 de setembro de 2016.- O BNG cuestiona que o Consorcio da Cidade, presidido polo alcalde Martiño Noriega, que conta cun orzamento de 9.142.471 euros para 2016, tan só destine 100.000 euros en axudas para acondicionar os locais comerciais e 150.000 para a rehabilitación de carpintería e reixas de vivendas da Cidade Histórica, cando debera ser unha prioridade brindar unha maior colaboración para dotar de servizos, recuperar habitantes e reactivar a economía. “Son cantidades claramente insuficientes a repartir entre locais comerciais e habitantes da Cidade Histórica que precisan recursos para restaurar inmóbeis de gran valor patrimonial”, explicou Rubén Cela.

Así, trasladará á vindeira Xunta de Portavoces unha proposta de reformulación das liñas estratéxicas de actuación do Consorcio da Cidade. Neste sentido proporá revisar a política de rehabilitación de vivendas e de locais comerciais particulares, que tan só representan na actualide un 3% do orzamento do Consorcio.

O BNG reclamará unha revisión á alza das contías destas axudas no orzamento de 2017 e do modelo, “porque ten que haber un sistema de anticipo por parte do Consorcio, unha simplificación burocrática da solicitude e da xustificación e, ademais, xogar un papel máis proactivo para dirixirse directamente a potenciais persoas destinatarias, indicou.

“A segunda cuestión que hai que revisar, porque algo se corrixiu pero seguimos a inercia dos últimos catro anos do PP, é o peso específico que teñen nas políticas de rehabilitación os edificios e monumentos relixiosos, pois é evidente a importancia patrimonial da Igrexa católica en Santiago, mais non se recibe ningunha contrapartida como abrir ao público determinados espazos, por exemplo”, afirmou. Nos últimos anos anos, o 80% do orzamento á recuperación patrimonial destinouse en bens titularidade da Igrexa, cando hai necesidades para investir en espazos públicos.

 

O Consorcio da Cidade só destina 250.000 euros a rehabilitar vivendas e locais da zona vella dun orzamento de 9 millóns de euros