Os constantes cambios nas obras de Carreira do Conde demostran que o PP non ten modelo de cidade
Hai actuacións máis urxentes e importantes, que require a veciñanza, que as obras de Carreira do Conde que non eran demandadas, explica Rubén Cela.
Santiago de Compostela, 16 de abril de 2015.- O portavoz do grupo municipal do BNG, Rubén Cela, afirmou que as constantes modificacións no proxecto das obras de Carreira do Conde evidencias que o PP non ten criterio nin modelo para o Ensanche nin para a cidade.
A obra de carreira do Conde é unha imaxe gráfica do que supuxo o xeito de gobernar do PP nesta cidade, explicou, primeiro é unha obra que non lle pediu ninguén cun orzamento de 600.000 euros, que non demandaba a veciñanza cando outras que eran requiridas con moita urxencia se lles responde que non hai cartos. Ademais, aludiu á falta de diálogo, porque non se falou coa veciñanza nin comerciantes, houbo que agardar a que a piqueta estivese funcionando para timbrar nos portais das casas e consultar a opinión dunha obra xa en execución e, posteriormente, rectifican para modificar a outra e novamente volven rectificar para dicir que non vai ser peonil, senón con tráfico rodado e con prazas de aparcamento.
Segundo Rubén Cela, o proxecto actual non ten nada a ver co inicial e o que se pregunta a veciñanza de Santiago e, por suposto, o BNG é se para chegar a este punto facía falta pasar por isto, cando hai actuacións máis urxentes e importantes que Carreira do Conde.