PLENO

Aprobada por unanimidade a necesidade de converter a vella terminal de Lavacolla nun espazo de uso público

O BNG trasladou unha moción para buscar novo emprazamento da Escola Municipal de Música

Aprobada por unanimidade a necesidade de converter a vella terminal de Lavacolla nun espazo de uso público

Santiago de Compostela, 16 de febreiro de 2017.- O grupo municipal do BNG defendeu unha proposición no Pleno para instar a AENA e a Fomento a converter a vella terminal de Lavacolla nun espazo de utilidade de uso público.

A vella terminal do aeroporto de Lavacolla rematouse de construír en 1969, con posteriores ampliacións en 1976, 1982 e 1993, e leva pechada sen actividade dende outubro do 2011 co que o seu deterioro se incrementa cada vez máis. É un edificio que, polas súas características, podería albergar diferentes actividades, pois dispón no seu interior de 18.755 metros cadrados útiles e conta cun aparcadoiro de 2.234 prazas situado fronte á terminal, segundo explicou Rubén Cela.

Unha das mocións, que deu pé á intervención da presidenta da ANPA e da secretaria da dirección da escola, foi destinada a iniciar os trámites para buscar un novo emprazamento para a Escola Municipal de Música para o inicio do curso escolar 2017/2018 e acondicionar as instalacións da actual escola para un novo aulario que preste servizo ao CEIP Apóstolo Santiago.

Ademais, o BNG trasladou unha moción para a eliminación de simboloxía franquista que aínda permanece en 10 edificios públicos de Santiago de Compostela, anos despois da entrada en vigor da Lei de Memoria Histórica, de acordo cun inventario realizado pola Gentalha do Pichel.

Outra das mocións foi destinada para que o Concello de Santiago se sume ao Programa de Recollida de Plástico Agrícola e para realizar unha campaña informativa no rural co fin de facilitar o depósito destes residuos no punto que se determine. Estes materiais adoitan ser incinerados ou abandonados en lugares inadecuados, o que representa un problema de contaminación ambiental.

O BNG defendeu unha iniciativa sobre a necesidade de paliar os danos causados polos recentes temporais e esixirlles responsabilidades ás compañías eléctricas subministradoras, ademais de asesorar a veciñanza afectada polo temporal. Na moción requiriuse da Xunta que as empresas subministradoras de enerxía realicen investimentos que garantan a conservación da infraestrutura eléctrica.

En coincidencia co mes de homenaxe a Rosalía de Castro, trasladouse unha moción relativa a promover o coñecemento da obra e do compromiso coa lingua, coas mulleres e co país mediante actividades, de acordo coa proposta da AELG.

Cunha moción máis demandouse defender o sistema público de pensións galego, reivindicando o traspaso a nosa nación da competencia de xestión do réxime económico da Seguridade Social previsto no Estatuto de Autonomía, ademais de que se fagan os pagos de todos os impostos e de todas as cotizacións sociais en Galiza, por ser onde están radicados os centros de traballo.

No apartado de rogos, demandou beirarrúas, sinalización e iluminación para mellorar a seguranza viaria de peóns na rúa do Outeiro, nas Fontiñas; a sinalización e labor informativo de sensibilización para protexer as colonias felinas que están a sufrir ataques de cans; e a recuperación do idioma galego na impresión das entradas de espectáculos do Teatro Principal que nos últimos meses están en castelán.

Tamén o BNG realizou unha pregunta oral sobre a reordenación de usos da sala Agustín Magán, no centro sociocultural Santa Marta, por deixar fóra de horario concedido á propia veciñanza do barrio en detrimento dun programa destinado a compañías profesionais de artes escénicas.

Aprobada por unanimidade a necesidade de converter a vella terminal de Lavacolla nun espazo de uso público