SERVIZOS SOCIAIS

Rubén Cela: “O tempo demostra rápido que era factíbel facer a residencia de maiores no Vello Hospital de Galeras”

Cualifica de “erro político” a operación do cambio de uso de oficinas e comercial ao que se someteu ese inmóbel cos votos a favor de PP, PSOE e CA

Rubén Cela: “O tempo demostra rápido que era factíbel facer a residencia de maiores no Vello Hospital de Galeras”

Santiago de Compostela, 24 de febreiro de 2017.- O portavoz do grupo municipal do BNG, Rubén Cela, sinala que a proposta de Feijóo de dotar Santiago de Compostela dunha residencia máis para persoas maiores era “unha débeda histórica” e ratifica que “o tempo demostra rápido que era factíbel que fose no Vello Hospital de Galeras, como defendía a formación nacionalista”.

Así, o cualifica de “erro político” o cambio de uso de oficinas e comercial ao que se someteu ese inmóbel cos votos a favor de PP, PSOE e CA, cando esta última mesmo cambiou de criterio da campaña ao goberno. “Agora se demostra que entre Xunta e Concello podían impulsar o centro para persoas maiores en Galeras, como defendía o BNG”, sinalou Rubén Cela.

Ademais, indicou que “a Xunta debía proxectar, como mínimo, o dobre de prazas das que anunciou Feijóo tendo en conta o envellecemento poboacional e a listaxe de agarda existente”. En concreto, a nova residencia prevista no barrio das Fontiñas terá 120 prazas e 75 persoas empregadas.

Lembra tamén o portavoz municipal que a última das residencias 100% públicas para maiores construídas en Santiago de Compostela data da época do BNG na Xunta, cando se construíu a da Volta do Castro. “Feijóo tivo tempo abondo para incrementar o número de prazas durante dúas lexislaturas co fin de reducir as listas de agarda e de prestar este servizo tan demandado”, explicou Rubén Cela.

Rubén Cela: “O tempo demostra rápido que era factíbel facer a residencia de maiores no Vello Hospital de Galeras”