PLENO
O BNG esixirá no Pleno que unha empresa concesionaria de transporte público deixe de discriminar por razón de xénero
Ten diversas condenas por acoso laboral a unha traballadora desde o ano 2009
Santiago de Compostela, 17 de xaneiro de 2017.- O grupo municipal do BNG de Santiago defenderá unha moción no Pleno deste xoves destinada a esixir da empresa de transporte de viaxeiros Hedegasa (Transportes Calo) a aplicación dunha política laboral non discriminatoria por razón de xénero.
Para o BNG, o Concello de Santiago de Compostela non pode ser alleo a esta situación, onde unha persoa traballadora dunha das empresas concesionarias do servizo de transporte público metropolitano que empregan 40.000 persoas cada día sofre un acoso ilegal e insolente por parte de responsábeis empresariais. Cómpre lembrar que este servizo é sostido, en parte, con fondos públicos da Xunta.
A empresa de transporte colectivo de viaxeiros Hedegasa mantén un extenso historial de condenas por acoso laboral, mobbing e danos morais a unha traballadora. Desde o ano 2009, logo dun embarazo de alto risco e petición de redución de xornada para o coidado dunha filla, que foi denegada ilegalmente pola empresa, encétase unha situación de fustigamento e acoso contra unha muller traballadora, que foi amparada en diversas ocasións polos Xulgados do Social, a Inspección de Traballo, alén do apoio e respaldo sindical e a solidariedade expresada por multitude de traballadoras e traballadores.
Esta empresa foi condenada en 2010 por despedimento nulo por vulneración de dereitos fundamentais. Esa condena levou aparellada unha indemnización por danos morais, ademais da readmisión da traballadora a comezos de 2011. Porén, no canto de respectar os dereitos laborais e acatar as resolución xudiciais, a empresa persistiu en imporlle condicións de traballo discriminatorias, que remataron coa intervención da Inspección de Traballo, levantando unha acta onde describiu a actuación empresarial como “mobbing, psicoterrorismo, hostigamento e acoso laboral”, cualificándoa como infracción laboral moi grave, o que desencadeou unha condena de novo por vulneración de dereitos fundamentais que ademais impuxo á empresa unha indemnización de 10.000 euros en compensación dos danos causados á traballadora.
Hai apenas un mes, a empresa volveu emprender actuacións inxustas e opresoras contra a traballadora, ao instar á administración competente en materia de Tráfico a suspensión cautelar das licenzas de condución e, con iso, acordar a suspensión do contrato de traballo, sen ningún tipo de compensación nin acceso a prestación. Nestes intres, tamén hai unha petición de investigación penal, con imposición de penas de cárcere, para as persoas directamente responsábeis do abuso e acoso que vén padecendo a traballadora, que está pendente da decisión do Xulgado.