PLENO

Apróbase por unanimidade a iniciativa do BNG de cobrarlle ás empresas polo paso dos tendidos eléctricos

Pazo de Raxoi
pazo.raxoi

No Pleno compareceu o concelleiro de Medio Ambiente pola sanción da UE pola falta de depuración do Sar
 

Apróbase por unanimidade a iniciativa do BNG de cobrarlle ás empresas polo paso dos tendidos eléctricos

Santiago de Compostela, 19 de xaneiro de 2017.- O grupo municipal do BNG trasladou 12 iniciativas ao Pleno de xaneiro, entre elas unha proposición, aprobada por unanimidade, para que o Concello de Santiago realice as xestións necesarias para recadar das empresas eléctricas o importe das taxas correspondentes pola utilización de solo de dominio público para o tendido de baixa, media ou alta tensión instalado. Deste xeito, o grupo de Goberno comprometeuse a revisar as ordenanzas fiscais para incluír ese concepto nos termos da sentenza do Tribunal Supremo que así o avala.

Outra das proposicións, tamén aprobada por unanimidade, foi destinada a mellorar os futuros procesos de contratación da iluminación de festas, co fin de contribuír a un bo funcionamento, para que se realice unha única licitación para Nadal, Entroido, festas do Apóstolo e Ascensión, nun contrato plurianual e que prime máis a oferta técnica e artística sobre a ponderación da oferta económica, ademais de incrementar a inspección técnica e de seguridade. Requírese tamén a participación da hostalaría e estabelecementos comerciais para sufragar os gastos desta iluminación.

Presentou tamén unha moción para que o Concello asine un convenio de colaboración con Monicreques de Kukas para a cesión, musealización, exposición e difusión do legado desta compañía histórica de teatro co fin de enriquecer a oferta cultural de Santiago de Compostela. Monicreques de Kukas e a máis antiga compañía de teatro contemporáneo con marionetas de Galiza, naceu en Compostela no ano 1979 e dispón dun patrimonio material fundamental da cultura galega. Aprobouse por unanimidade.

Noutra moción ínstase ao Goberno do Estado a derrogar o Real Decreto-Lei que recorta a achega pública sobre medicamentos, prestacións e recursos sanitarios e requíreselle á Xunta que deixe de aplicalo pois atenta contra o principio de universalidade do acceso á atención sanitaria. Aprobouse co voto en contra do PP.

Ademais, defendeu unha moción para esixir da empresa de transporte de viaxeiros Hedegasa (Transportes Calo) a aplicación dunha política laboral non discriminatoria por razón de xénero. Para o BNG, o Concello de Santiago de Compostela non pode ser alleo a esta situación, onde unha persoa traballadora dunha das empresas concesionarias do servizo de transporte público metropolitano que empregan 40.000 persoas cada día sofre un acoso ilegal e insolente por parte de responsábeis empresariais. Cómpre lembrar que este servizo é sostido, en parte, con fondos públicos da Xunta. Apróbase coa abstención do PP..

O BNG fixo unha solicitude de comparecencia do concelleiro de Medio Ambiente logo do apercibimento de sanción do Tribunal de Xustiza da UE ao Estado español pola falta de depuración de augas residuais urbanas vertidas en 37 cidades, entre elas Santiago de Compostela, para saber cales son as medidas de urxencia previstas para reducir a contaminación e mellorar os ecosistemas acuáticos do Sar.

Tamén rexistrou ao abeiro deste Pleno 5 preguntas para o control e fiscalización do labor do Goberno de Compostela Aberta.

Ademais, o BNG foi o único que votou en contra do cambio de uso sociocomunitario por comercial na planta baixa do Hospital Vello de Galeras.

Apróbase por unanimidade a iniciativa do BNG de cobrarlle ás empresas polo paso dos tendidos eléctricos