INFRAESTRUTURAS
A reunión con Fomento ratifica o escaso investimento para Conxo e o enlace orbital
Rubén Cela cuestiona as valoracións sempre optimistas do alcalde “que nunca se concretan no terreo práctico, nin en compromisos firmes nin de execución”
Santiago de Compostela, 26 de abril de 2017.- O portavoz do grupo municipal do Bloque Nacionalista Galego en Raxoi, Rubén Cela, realizou unha valoración da reunión entre o alcalde Martiño Noriega e o ministro de Fomento, Íñigo de la Serna, que confirma o escaso investimento na humanización das obras de Conxo e do orbital e tamén a ausencia da depuradora e a seguridade viaria na axenda política.
Así, cuestionou que “as valoracións sempre optimistas do alcalde após estas reunións nunca se concretan no terreo práctico, nin en compromisos firmes nin de execución”.
“É unha tomadura de pelo que a estas alturas siga sen executarse o proxecto de humanización das obras do paso inferior de Conxo, despois dos atrasos das obras”, explicou. Así, lembrou que o Concello de Santiago ten no seu poder un proxecto, dende o 19 de xuño de 2016, valorado en 230.000 euros “que, por certo, para o BNG é insuficiente porque o que demanda a veciñanza non é que se tape o burato e se poñan unhas plantas, senón que haxa unha maior permeabilidade entre as dúas partes e se favoreza a mobilidade peonil”.
Sobre a estación intermodal, para Rubén Cela, era prioritario que o alcalde esixise a retirada desa cláusula dos 3,5 millóns de persoas pasaxeiras para o inicio das obras.
No caso do orbital, manifestou que é “preocupante” que non se faga maior fincapé en que os primeiros orzamentos eran de 45 millóns de euros “e agora son 29 millóns euros para os próximos tres exercicios, pero xa está retrasando até 2021 o remate desa actuación”. Do mesmo xeito que a ausencia da EDAR como prioridade na axenda política entre as actuacións para evitar a degradación do medio ambiente.
Así, lembrou que hai temas aprobados en Pleno como a estación de mercadorías da Sionlla, a vella terminal de Lavacolla, a seguridade viaria na N-550 na Sionlla e na N-525 no Eixo “que caeron da axenda política”. Por iso reclamou que nestas reunións con Fomento se debe ser “firme e contundente na defensa dos intereses de Santiago, que merece ser tratada como capital de Galiza”.