ELECCIÓNS

Goretti, candidata do BNG á Alcaldía de Santiago de Compostela

Goretti
Goretti, candidata do BNG

A escolla da militancia foi logo dun proceso interno e participativo

Goretti, candidata do BNG á Alcaldía de Santiago de Compostela

Santiago de Compostela, 22 de xuño de 2018.- Goretti Sanmartín Rei foi a persoa escollida pola militancia do BNG para encabezar as eleccións de 2019 á Alcaldía de Santiago de Compostela, ao abeiro dun proceso interno participativo organizado durante o último mes pola formación nacionalista. Esta decisión deberá ser ratificada polo Consello Nacional, que aprobará as propostas achegadas polos Consellos Comarcais do BNG.

Goretti aludiu á necesidade de “democratizar os espazos, desde unha perspectiva urbanística, cultural, ambiental, de accesibilidade e, por suposto, feminista”. Lembrou tamén que “Compostela é a capital do nacionalismo galego, onde xurdiron relevantes iniciativas culturais e políticas”, ademais de expresar “a responsabilidade e a satisfacción de ser a persoa proposta polo Consello Local e pola asemblea para encabezar a candidatura de Santiago de Compostela”.

O responsábel local do BNG, Xesús Domínguez, fixo unha semblanza do traballo realizado por Rubén Cela nos últimos anos á fronte do grupo municipal nacionalista, do que destacou “os seus grandes dotes de organizador e de impulsor de iniciativas, aos que se lle suman a capacidade de traballo, entrega, honestidade e diálogo para chegar a acordos polo ben da cidade e do rural”.

Na asemblea fixéronse máis propostas de nomes para conformar a candidatura, anunciouse tamén o calendario de precampaña electoral e comezáronse os traballos de organización do voluntariado para o Día da Patria.

Currículo da candidata

Goretti Sanmartín Rei veu estudar a Santiago con 18 anos e decidiu ficar para sempre nun concello que a engaiolou pola súa xente, a súa simbiose entre o urbano e o rural e a súa vida cultural e universitaria. Entre as súas moitas aprendizaxes vitais, foi nesta cidade onde entrou en contacto co feminismo organizado a través dos Grupos de mulleres da Universidade e despois formou parte moi activa na formación e consolidación da Marcha Mundial das Mulleres. Tamén nestes primeiros anos decidiu formar parte do BNG, organización onde traballou no ámbito local e de que é nestes momentos coordinadora da súa Executiva nacional. Formou parte da directiva da histórica Agrupación Cultural O Galo. É profesora universitaria e realizou a súa tese de doutoramento sobre os usos lingüísticos a comezos do século XX. Para alén desta dedicación impartiu docencia, entre outros moitos centros, no Instituto de Idiomas da Universidade e no Instituto Eduardo Pondal.

Viviu en moi diferentes lugares do concello, desde o Ensanche até o rural, pasando pola zona vella e os barrios do Sar ou das Fontiñas. Ama moitos recunchos, de maneira moi especial a Rúa Nova en que viviu varios anos nunha casa en que podía ver desde os tellados a Catedral e acariñar a Igrexa de Salomé e os paseos tanto á beira do Sar como do Sarela, lugares onde se pode ver con frecuencia en longas camiñadas. A esta afección hai que acrecentar o seu gusto pola lectura e pola música, sobre todo polos concertos en directo, un dos seus grandes praceres.

Desde 2015 é concelleira do BNG no Concello de Santiago de Compostela e vicepresidenta da Deputación da Coruña, onde levou as áreas de Cooperación cos concellos, Cultura e Lingua, unha institución desde a que está a contribuír decididamente a asentar un modelo de cooperación baseado tanto na aposta pola autonomía municipal como na obxectividade e a transparencia como eixo das políticas de apoio a concellos e entidades, tendo presente a necesidade de axudar ao tecido social e cultural. Impulsa tamén, desde as institucións de que forma parte, numerosas iniciativas sobre a recuperación da memoria histórica.

Considera que Santiago merece un Goberno ambicioso que, lonxe de se afogar na xestión diaria, trace as liñas fundamentais cun modelo de cidade definido para os próximos anos, coa idea de aplicar o proxecto de país do BNG ás iniciativas locais. Por iso decide dar un paso adiante e encabezar un equipo para conseguir a democratización dos espazos, desde unha perspectiva urbanística, cultural, ambiental, de accesibilidade e, por suposto, feminista. No eixo central da súa aposta ideolóxica está a defensa unha sociedade xusta, sustentábel e verdadeiramente igualitaria e democrática onde se recoñeza o dereito de Galiza a decidir.


 

 

Goretti, candidata do BNG á Alcaldía de Santiago de Compostela