PLENO
O BNG propón no Pleno recordarlle ao novo ministro de Fomento as obras pendentes para facer en Santiago
Rubén Cela e Goretti Sanmartín Rei trasladan unha batería de propostas da veciñanza para mellorar as Fontiñas, o Eixo, o Restollal e San Lourenzo
O grupo municipal do BNG levou a Pleno unha proposición para instar o Goberno español entrante ao cumprimento dos acordos comprometidos con Santiago de Compostela en materia de infraestruturas, ademais da revisión daqueles necesarios para o desenvolvemento socioeconómico e ambiental que supoñen un agravio comparativo con outras cidades galegas.
Así, na iniciativa recóllense temas como a execución do enlace orbital completo; a construción da estación de mercadorías da Sionlla; un plan de usos para a vella terminal de Lavacolla; o cambio de nome, rotulación e sinalización do aeroporto Rosalía de Castro; o proxecto de humanización da rotonda de Conxo; a clarificación dos trámites ambientais para construír a estación depuradora de augas residuais; as obras de seguranza viaria no Eixo e na Sionlla; a cesión de terreos do campo de tiro de Bando e a revisión do financiamento plurianual da estación intermodal, ademais da eliminación da cláusula dos 3,5 millóns de persoas pasaxeiras do convenio que condiciona a obra, entre outros.
Unha das mocións do BNG foi destinada a mellorar os aparcadoiros, parques infantís, limpeza e visibilidade de pasos de peóns nas Fontiñas. Goretti Sanmartín Rei defendeu realizar unha actuación destinada a unir os parques infantís escolar do CEIP Monte dos Postes e o parque municipal lindeiro, actualmente separados por unha reixa, tal como reclama a ANPA. Nas medidas de seguranza viaria propuxo substituír as especies vexetais que conforman os sebes das medianas por herba ou outras de menor altura e de crecemento lento, para facilitar a visión dende os vehículos, a creación dun paso de peóns á altura da rúa Astorga e labores de mantemento da pintura nos pasos de peóns. Aposta tamén por adecuar a sinalización de tráfico para destinar unha zona dos Xulgados a aparcadoiro express, ademais de permitir o estacionamento fóra do horario laboral nos espazos reservados.
Un ano despois de aprobar en Pleno o cambio de emprazamento das antenas do Restollal que preocupan a veciñanza, o BNG volve trasladar a proposta de que o Concello oferte outro lugar ás operadoras de telefonía, afastado deste núcleo de poboación, para a instalación da antena emisor-repetidor de telefonía móbil actualmente situada na Travesa do Restollal número 8, co fin de atender a reclamación social. Ao abeiro desta iniciativa, interveu un veciño afectado no Pleno.
Outra das iniciativas foi para lembrarlle ao Goberno local de Martiño Noriega que deben instalar colectores de recollida selectiva no rural, tal como demanda a veciñanza. Puxo a modo de exemplo o que trasladou a veciñanza do Eixo, pois facilitar o depósito de vidro, papel e plásticos é un factor clave para atender a sensibilización ambiental.
Ademais, defendeu unha moción conxunta entre BNG, CA e PSOE para mellorar a información, investigación e tratamento da endometriose.
O grupo nacionalista levou a proposta para que se instale unha nova placa informativa onda a estatua de Maruxa e Coralia, “As Marías”, que explique a historia de represión que padeceron, pois a actual non é lexíbel. Este panel debe contribuír a difundir a recuperación da memoria histórica ao ser un dos lugares que atrae numerosas visitas na alameda de Compostela.
Reclamou tamén que se realicen as xestións oportunas con Gas Natural Fenosa e, no caso de que a distribuidora demore a retirada destas instalacións en desuso, se encargue o Concello de Santiago de desmontar as torretas eléctricas do barrio de San Lourenzo para velar pola seguranza.
Outro dos rogos foi dirixido a que o Concello dote de servizos de saneamento e abastecemento de auga ás veciñas e veciños da aldea da Veiga, no Eixo, aproveitando as obras que vai executar a Deputación na estrada DP-8203.