PLENO

Goretti Sanmartín advirte de que o documento da regulación de usos de pisos turísticos non ten en conta o contexto da crise da covid

pazo de Raxoi
pazo de Raxoi
O BNG valora de xeito positivo que permita licenzas para a “economía colaborativa”, para o aluguer turístico temporal ou por cuartos soltos
Goretti Sanmartín advirte de que o documento da regulación de usos de pisos turísticos non ten en conta o contexto da crise da covid

Santiago de Compostela, 17 de novembro de 2020.- A portavoz do grupo municipal do BNG, Goretti Sanmartín, destacou no Pleno sobre o inicio de avaliación ambiental da modificación puntual do título III do PXOM para a regulación de usos de pisos turísticos que, pese a estar de acordo co contido na documentación, non ten en conta o contexto derivado da covid-19 e o que significa unha crise sanitaria e económica que, sen dúbida, vai afectar a esta ordenación. O BNG votou a favor desta proposta inicial, coa pretensión de que o documento mellore durante a súa tramitación.

Aludiu á necesidade de “continuar modulando, propoñendo e definindo unha serie de usos centrais para que Santiago de Compostela non perda a súa esencia, a súa identidade”. Referiuse a que non é só “a proliferación de pisos turísticos, senón unha longa ringleira de temas que afectan á cidade” como a falta de servizos, expulsión das persoas residentes, estacionalización do turismo,  falta de diversificación da oferta, o que ocasiona problemas de equilibrio territorial, a conversión da cidade nun parque temático coa irrupción do monocultivo de tendas de souvenirs, entre outros.

A esta serie de consideracións hai que acrecentarlle a problemática dos pisos turísticos e a necesidade de estabelecer unha regulación de usos para un período medio de tempo que consiga garantir unha convivencia equilibrada, coas persoas residentes no centro das políticas, explicou.

Destacou o feito de contar coa posibilidade de permitir licenzas para o que se denomina “economía colaborativa”, como uso asimilado ao de vivenda, condicionada por que se faga por pouco tempo ao ano ou por cuartos soltos dentro da vivenda ou que estea vinculado a un uso residencial de carácter permanente.

“Este avance importante lévanos a votar a favor desta proposta inicial, por tanto, aínda non definitiva”, explicou na intervención no Pleno. Porén, destacou a arbitrariedade da escolla de que, naqueles lugares onde se poidan dar licenzas directas, os pisos turísticos teñan a obriga de se situar no andar máis baixo con uso de vivenda, quer no baixo, quer no primeiro, aínda que esa pode ser unha opción de control.

Por outra parte, propuxo que se estudase considerar un suposto de economía colaborativa de dedicar a uso turístico a posesión dun único piso a maiores da residencia habitual. “É evidente que non é o mesmo ter un piso para esta finalidade que ter 10”, indicou.

Sinalou tamén “unha das realidades que non mingua, a proliferación de pisos turísticos ilegais, totalmente ilegais, que non figuran en ningún rexistro nin plataforma e carecen de ningún permiso”. Para iso, emprazou a instar a Xunta a exercer as súas competencias en materia de inspección. Estes alugueiros ilegais, xunto coas hospederías da Igrexa que seguen sen pagar o IBI cando se trata de negocios, supoñen unha competencia desleal para quen cumpre as obrigas tributarias, sexan pisos turísticos ou estabelecementos hosteleiros.

Goretti Sanmartín advirte de que o documento da regulación de usos de pisos turísticos non ten en conta o contexto da crise da covid