PLENO

Goretti Sanmartín reclama que se duplique a oferta de actividades de conciliación durante o Nadal

Goretti Sanmartín
Goretti Sanmartín
O BNG propón que se reduza o prezo deste programa co obxectivo de favorecer as políticas de igualdade e de apoio ás familias neste contexto da pandemia
Goretti Sanmartín reclama que se duplique a oferta de actividades de conciliación durante o Nadal

Santiago de Compostela, 18 de novembro de 2020.- O grupo municipal do BNG proporá no vindeiro Pleno que o Concello de Santiago de Compostela duplique a oferta de prazas para o programa de conciliación de Nadal co fin de que se imparta en máis espazos públicos, cunha redución do prezo das actividades para nenos e nenas en idade escolar, e co obxectivo de favorecer as políticas de igualdade e de apoio ás familias, segundo explicou Goretti Sanmartín, a portavoz municipal.

O Concello de Santiago de Compostela organiza o programa de conciliación de Nadal que, no actual contexto de pandemia, resulta máis necesario que en anos anteriores, tanto pola mudanza do sistema de traballo como polas necesidades de lecer, convivencia e alimentación nalgúns casos.

Este programa, ademais de educar en valores como a convivencia, a tolerancia e a responsabilidade, compleméntase coa posibilidade de almorzo e comedor e nel ofrécense actividades lúdicas, deportivas, en contacto coa natureza, música, danza, teatro, lectura, manualidades, pintura e contacontos, entre outras posibilidades, para faceren en grupo coas medidas de seguranza e de prevención da covid-19 que se estimaren adecuadas. “Ao tempo que se ofrece este servizo, os pais e as nais poden seguir a traballar, sexa presencial ou telematicamente, o que supón unha medida por parte da Administración local para favorecer os compromisos familiares e de carácter laboral”, sinalou.

Deste xeito, o Concello de Santiago pode aplicar con este programa boas prácticas en materia de igualdade e fomento das oportunidades para persoas que teñen crianzas, sendo conscientes de que a situación actual require un reforzo destas actividades de conciliación durante os meses de decembro e xaneiro en que teñen vacacións escolares. Esta medida de ampliación de prazas e de descentralización de espazos debe adoptarse como un xeito de corresponsabilidade da Administración local co fomento das políticas de igualdade de xénero e do apoio ás familias, ademais de servir para dinamizar a economía local coa contratación de monitores e monitoras de tempo libre. Así, terán preferencia as familias monoparentais, aquelas con dificultades económicas e as que ambos os proxenitores estean traballando.

Para iso é necesario que saia anunciado o programa con suficiente antelación, con prezos económicos e cunha oferta de prazas suficiente para atender a demanda; ademais de poder escoller semanas completas ou días soltos por parte das familias e de descentralizar a oferta a máis zonas.

Goretti Sanmartín reclama que se duplique a oferta de actividades de conciliación durante o Nadal