MOBILIDADE

O BNG propón que se habiliten máis prazas de aparcadoiro para residentes do barrio dos Concheiros

BNG
BNG
A supresión de 80 prazas por mor das obras require novos espazos para estacionar
O BNG propón que se habiliten máis prazas de aparcadoiro para residentes do barrio dos Concheiros

Santiago de Compostela, 19 de novembro de 2020.- O grupo municipal do BNG propón que o Concello de Santiago de Compostela habilite máis prazas de aparcadoiro destinadas a residentes do barrio dos Concheiros, co estudo de alternativas como na rúa de Bonaval e na Costiña do Monte, como reclama a veciñanza da zona.

As obras de remodelación dos Concheiros van supor cambios importantes en mobilidade e distribución de espazos nunha rúa pola que transitaban arredor de 20.000 vehículos diarios. “A veciñanza trasladounos a súa preocupación pola redución de prazas de aparcadoiro que figuran no proxecto da obra de remodelación deste barrio”, explicou Goretti Sanmartín. Neste sentido, é necesario ter en conta que as actuacións que se realicen para facilitar a chegada de persoas que fan o Camiño de Santiago non vaian en detrimento das necesidades das que residen en Compostela.

Unha das principais queixas recibidas é que non se crearon novos aparcadoiros en cantidade suficiente para suplir as 80 prazas suprimidas, posto que a maioría dos edificios desta zona non dispoñen de garaxes e precisan prazas de estacionamento perto das vivendas de residencia. Así, a veciñanza trasladoulle ao BNG a necesidade habilitar novas zonas verdes de aparcamento reservado para residentes na rúa de Bonaval e na Costiña do Monte.

Coa ampliación do aparcadoiro de Altiboia a carón do Conservatorio Profesional de Música, que era algo demandado e que propuña o BNG, así como a nova bolsa para veciñanza en Triacastela resultan insuficientes para compensar as prazas en superficie que se perdan na humanización de Concheiros, tendo en conta que xa existía demanda nesas áreas previamente á reforma dos Concheiros.

 

O BNG propón que se habiliten máis prazas de aparcadoiro para residentes do barrio dos Concheiros