PLENO

O BNG propón melloras para facilitar a implantación da administración electrónica e reducir a fenda dixital en Santiago

Navia Rivas
Navia Rivas
Recibiu numerosas queixas do colapso existente no sistema de cita previa
O BNG propón melloras para facilitar a implantación da administración electrónica e reducir a fenda dixital en Santiago

Santiago de Compostela, 20 de novembro de 2020.- A concelleira do grupo municipal do BNG Navia Rivas defenderá no Pleno unha batería de propostas para mellorar o proceso de implantación de administración electrónica no Concello de Santiago, que está a causar numerosos problemas tanto para o persoal municipal como para a veciñanza. De feito, o prazo de cita previa para a realización de trámites supera os 20 días.

Así, o BNG propón que o Concello de Santiago de Compostela ofreza formación presencial especializada e detallada a cada departamento, xunto cun manual de procedemento adecuado aos roles de tramitación para o persoal de cada servizo municipal, co obxectivo de facilitar o funcionamento da administración electrónica.

Ademais, reclama a edición dunha guía dos procedementos para a veciñanza, vinculada á Oficina de Atención Cidadá, que acompañará e garantirá a atención presencial por parte da Administración pública para facer calquera trámite municipal e atender o dereito de acceso universal a comunicarse coa administración. Cómpre ter en conta que tamén deben dar servizo ás persoas que non dispoñen de coñecementos informáticos, nin de ferramentas nin de rede por viviren na Cidade histórica ou en determinadas zonas do rural. Para iso, é necesario reforzar cos recursos humanos e materiais necesarios a Oficina de Atención Cidadá e a Oficina de Atención ao Contribuínte, para facilitar que a veciñanza poida adaptarse á administración electrónica co obxectivo de non agravar a fenda dixital.

O grupo municipal do BNG recibiu numerosas queixas do colapso existente no sistema de cita previa habilitado para a atención presencial en diversos servizos municipais, que chega até 20 días despois da data. Este feito está a provocar problemas de xestión para persoas que deben realizar trámites e consultas administrativas ante a necesidade de cumprir determinados prazos. O feito de que sexa un sistema automatizado, sen que exista unha persoa ao outro lado da liña telefónica cando se solicita a quenda, é outro dos atrancos para a coordinación de axenda. Así, a concelleira Navia Rivas propón mellorar o sistema de cita previa e dotar de máis persoal estes departamentos para axilizar os procedementos.

A isto súmase a obsolescencia da maioría dos equipos informáticos, os erros da nova aplicación que non atende ao procedemento que se debe seguir e o feito de impartir estes cursos sen a suficiente anticipación e cando a metade do persoal administrativo está en teletraballo, o que interrompe e dificulta a actividade laboral.

O BNG propón melloras para facilitar a implantación da administración electrónica e reducir a fenda dixital en Santiago