DEPURADORA
Goretti Sanmartín afirma que o convenio da depuradora “non responde a unha negociación favorecedora para o concello”
“Parece que é esa entente PP-PSOE quen goberna neste Concello”, advirte
Santiago de Compostela, 5 de xaneiro de 2021.- O grupo municipal do BNG, a través da portavoz Goretti Sanmartín, realizou unha valoración da aprobación en Xunta de Goberno do convenio para a construción da nova estación depuradora que, segundo advertiu, “non responde a unha negociación favorecedora para o concello”.
“É necesario que haxa esa nova depuradora para Santiago de Compostela”, destacou en rolda de prensa, “sempre será unha boa noticia que se poida comezar esta infraestrutura despois dos anos de debate, de problemática e de diferenzas” para a súa execución, mesmo con apercibimento de sancións e de perda de fondos europeos, o que a portavoz do BNG en Raxoi cualificou de “verdadeiro culebrón”.
Para o BNG, o convenio que se pon enriba da mesa “non é o mellor nin responde a unha negociación favorecedora para o concello”, advertiu en referencia ao reparto do 65% de fondos europeos, do arredor do 19% que achegará a Xunta e do 16% do Concello. Se no anterior reparto era do 60% de fondos europeos, 20% da Xunta e 20% do Concello e todas as forzas políticas coincidían en que era un agravio comparativo a respecto doutras cidades onde a achega era do 5% ou dos terreos necesarios para a súa construción, nunca asinaron unha cantidade tan elevada como agora ese 16% que representan 8,877.000 euros aos que hai que sumarlles os intereses deste anticipo que vai facer ACUAES e que van supor case 2 millóns de euros máis por ese concepto.
Incógnitas: sobrecustes e repercusión para a veciñanza no recibo da auga
Ademais, cuestionou “as incógnitas que se desprenden deste convenio” en relación a quen vai pagar os subrecustos da obra, pois pode ser que eses 56 millóns de euros previstos non cheguen, “e o alcalde ten que aclarar se vai haber unha repercusión das tarifas das persoas usuarias para poder afrontar esta porcentaxe que, desde a perspectiva do BNG, é abusiva e que vai ter que pagar o Concello”. Así, emprazou o alcalde a aclarar se se vai incrementar o recibo da auga e da depuración.
Pese á existencia dun informe para que puidese ser aprobado en Xunta de Goberno, “entendemos que un tema que implica 25 anos para pagar ese anticipo de ACUAES e que provocou tanto debate nos últimos anos, o normal sería que se substanciase no Pleno e que puidese haber posibilidade de contraste, de debate e de aclaración do texto do convenio que finalmente aprobou a Xunta de Goberno”.
“Este Goberno municipal comeza o ano furtando ese debate necesario, esa posibilidade de contraste e de que no Pleno poida haber unha posibilidade de acordo sobre este tema, que é central para a depuración e o saneamento das augas e dos ríos de Santiago de Compostela”, remarcou.
Demora na negociación dos Orzamentos para 2021
Sobre a demora dos inicios da negociación do Orzamento para 2021, sinalou que o BNG entende que “o Orzamento debería estar aprobado para comezar a aplicarse a comezos de ano e, canto máis se atrase, vai provocar que haxa moi pouco tempo para ser executado, algo que era habitual pero que agora chega a niveis escandalosos”, advertiu Goretti Sanmartín. Deste xeito, o que fai o Goberno local é “reducir o ano de 2021 á metade, pois ao final cando se vai poder aplicar o Orzamento é no segundo semestre do ano”.
Vendo esa negociación coa Xunta no tema da depuradora onde case se equiparan as cantidades (19%-16% de financiamento autonómico e municipal), deslizou a posibilidade de que o Goberno municipal “xa teña preparada esa especie de acordo co PP pois parece que é esa entente PP-PSOE quen goberna neste Concello”.
“Non se entende este atraso a pesar da insistencia por parte da oposición de que debería haber orzamentos en tempo e forma nun ano en que son máis necesarios que nunca e que vai funcionar cuns orzamentos prorrogados elaborados para un contexto anterior á crise económica que desatou o coronavirus”, concluíu.