COMERCIO

Goretti Sanmartín: “O alcalde debe traducir as súas promesas en feitos e realizar o pagamento das axudas do comercio e hostalaría”

Goretti Sanmartin
Goretti Sanmartin
A demora na resolución das convocatorias está a causar malestar e preocupación, segundo as queixas recibidas no BNG, pois son sectores dos que dependen moitos postos de traballo en Compostela
Goretti Sanmartín: “O alcalde debe traducir as súas promesas en feitos e realizar o pagamento das axudas do comercio e hostalaría”

Santiago de Compostela, 12 de xaneiro de 2021.- “Desde o BNG queremos pedirlle ao alcalde que traduza as súas promesas en feitos e que realice, dunha vez, o pagamento das axudas ao sector do comercio e da hostalaría”, reclamou Goretti Sanmartín, portavoz nacionalista en Raxoi.

Estas axudas foron anunciadas nos meses de abril e de decembro e, nin dunha nin doutra convocatoria, as persoas solicitantes recibiron aínda as cantidades asignadas, o que está a causar problemas e malestar entre profesionais do comercio e da hostalaría. Lembrou tamén que no caso da segunda convocatoria nin sequera existe unha asignación provisional pública nestes momentos.

“Estamos nunha crise económica motivada pola pandemia sanitaria e chegan maiores restricións, pois a situación en Santiago de Compostela é grave e os sectores do comercio e da hostalaría son fundamentais e deles dependen moitos postos de traballo e por iso se ven afectados”, explicou.

Deste xeito, insistiu en que as axudas deben proceder dun plan de rescate dos gobernos da Xunta de Galiza e do Estado e, “de xeito complementario as que promoveu o Concello de Santiago de Compostela teñen que traducirse en feitos de maneira inmediata”.

“As persoas da hostalaría e do comercio non poden seguir agardando durante máis tempo e, por tanto, urximos a que neste mes de xaneiro se poida coñecer o resultado da convocatoria de axudas que contaban cun procedemento extraordinario para que se efectúe o seu pagamento, xunto coas relativas á convocatoria do 30 de abril”, indicou.

Para a portavoz do BNG, “non se pode perder máis tempo, posto que hai moita xente en situación económica moi preocupante nestes momentos e cun futuro a curto e medio prazo que non é favorábel”.

Goretti Sanmartín: “O alcalde debe traducir as súas promesas en feitos e realizar o pagamento das axudas do comercio e hostalaría”