PLENO

Goretti Sanmartín aposta “por unir esforzos para reclamarlle ao novo Goberno do Estado as obras pendentes en Santiago de Compostela”

Goretti Sanmartín
Goretti Sanmartín

“O BNG ten claro que facer coa vella terminal: a construción de hangares, talleres de reparación de avións e mesmo un centro de formación aeronáutica”, explica a portavoz municipal

Goretti Sanmartín aposta “por unir esforzos para reclamarlle ao novo Goberno do Estado as obras pendentes en Santiago de Compostela”

Santiago de Compostela, 24 de novembro de 2019.- O grupo municipal do BNG defenderá no Pleno unha proposición para trasladarlle ao novo Goberno español a listaxe de acordos pendentes de executar e de proxectos ligados ao desenvolvemento de infraestruturas en Santiago de Compostela. Entre eles, está o plan de usos para vella terminal da Lavacolla, para o que propón hangares, talleres de reparación de avións e mesmo un centro de formación en aeronáutica.

Segundo recolle o texto da iniciativa, tras o acordo plenario alcanzado por unanimidade en xuño de 2018 e despois das eleccións xerais do 10N, cómpre reiterarlle ao Goberno entrante “a necesidade de unir esforzos para colocar na axenda política local e estatal diversas actuacións comprometidas mais pendentes de execución, xunto coa revisión de determinados proxectos para contribuír ao desenvolvemento socioeconómico, ambiental e de infraestruturas ligadas a Santiago de Compostela”.

Deste xeito, faise necesario trasladarlle ao novo Goberno a listaxe de obras comprometidas como a execución do enlace orbital completo, unha infraestrutura vital para a mellorar a mobilidade e dar acceso directo ás áreas industriais que está pendente de licitación; a construción da estación de mercadorías da Sionlla, unha demanda para o transporte de produtos mediante ferrocarril; ou o plan de usos para a vella terminal da Lavacolla, unhas instalacións que levan anos abandonadas e infrautilizadas nun emprazamento estratéxico.

Na listaxe vai tamén o cambio de nome, rotulación e sinalización do aeroporto Rosalía de Castro; unha proposta para dar a coñecer a poeta galega máis universal aprobada no Pleno de xaneiro de 2017 e aínda sen efecto; o proxecto de humanización da rotonda de Conxo, unha obra inacabada que precisa mellorar os accesos, dotar de seguranza a zona, reducir a contaminación acústica e as zonas peonís para a veciñanza deste barrio; e a estación depuradora de augas residuais, unha infraestrutura clave e urxente para a frear a contaminación e mellorar o ambiente.

Complétase o relatorio de actuacións pendentes coas obras de seguranza viaria no Eixo e na Sionlla, puntos negros da rede viaria pola súa alta sinistralidade; coa cesión de terreos do campo de tiro de Bando, unha parcela abandonada por parte do Ministerio de Defensa; e coa revisión do convenio da estación intermodal, para a eliminación da cláusula dos 3,5 millóns de persoas pasaxeiras do convenio que pode condicionar esta obra.


 

Goretti Sanmartín aposta “por unir esforzos para reclamarlle ao novo Goberno do Estado as obras pendentes en Santiago de Compostela”