ORZAMENTOS
Goretti Sanmartín: “Debería haber un plan de choque nos Orzamentos para reorganizar o Concello e axilizar o pagamento a provedores”
Santiago de Compostela, 22 de xullo de 2019.- A portavoz municipal do BNG, Goretti Sanmartín, realizou unha valoración inicial da proposta de Orzamentos que se prevén aprobar entre xullo e agosto e explicou que para o BNG “debería haber un plan de choque nos Orzamentos para reorganizar o Concello internamente e axilizar o pagamento a provedores”.
A portavoz nacionalista non comparte esa “denominación eufemística” que utiliza o alcalde de ‘orzamentos técnicos’. “Ou temos un Orzamento que é un documento político que marca as liñas prioritarias e eixos programáticos fundamentais que se van desenvolver ou é un conxunto de modificacións orzamentarias; entendemos que realmente e iso e se poderían levar a un Pleno de modificativos de crédito, con algunha excepción”, afirmou.
Deste xeito, avanzou que o BNG non vai abordar este debate como un debate orzamentario normal con negociación, propostas, emendas e fixación de posición de voto, “pois este é un orzamento feito a correr revestido dese eufemismo de ‘orzamento técnico’ mais é unha suma de modificacións de crédito necesarias ás que se lle dá a aparataxe formal dun orzamento”.
“Para nós o importante vai ser a proba do algodón que será o orzamento de 2020 e, nese sentido, queremos aproveitar para instar ao goberno do PSOE a que se quixeren ter aprobado un orzamento para 2020, en tempo e forma, en paralelo á aprobación formal deste deben comezar a traballar nunha proposta que nos poidan presentar ao resto de grupos á volta do verán”, indicou, para que poida estar aprobado, tal e como marca a lei, antes do 31 de decembro deste ano. “Preocúpanos a demora na tramitación do concurso dos comedores escolares, non se pode prorrogar e deixar para outubro o inicio da preparación do cambio de modelo”, explicou Goretti Sanmartín.
Para o BNG, a proposta de Orzamentos de 2020 debe ir acompañada dunha reforma das Ordenanzas fiscais para revisar os gastos e os ingresos para que as persoas e colectivos máis desfavorecidos saian beneficiadas, explicou.
Insistiu tamén en que o PSOE mantén un goberno en minoría “e iso implica dedicar tempo, esforzo, confianza e rigor cos grupos da oposición”, non só coas demais institucións. “Estamos agardando pola reunión solicitada para tratar os temas clave para este período”, destacou nese sentido.
Proxectos excluídos
En canto á valoración do documento, afirmou que basicamente é a proposta de orzamento de Compostela Aberta, agás no capítulo de investimentos, onde se deixan sen incluír cuestións de relevancia, algunhas delas aprobadas no Pleno a instancias do propio BNG. “O alcalde dixo que asumía os compromisos de CA iniciados, mais hai algúns que entendemos que a súa posta en marcha non pode esperar”. Así enumerou exemplos como a humanización do campo da festa do Castiñeiriño, que estaba orzado en 250.000 euros; o acondicionamento da parcela de aparcadoiro da rúa Altiboia, con 223.000; a urbanización da rúa Valiño, con 57.460; ou epígrafes opacos de redacción de proxectos que poden conter actuacións no barrio das Fontiñas, mais debe ir a actuación concreta con 350.000 con carácter urxente coa consolidación de muros; ou a proposta de microbuses eléctricos circulares para as parroquias do rural, con 250.000; que deben ser prioridades políticas máximas, xunto co bus nocturno para as festas ou os pasarrúas polos barrios “propostas que desapareceron do programa e eran facilitadores da vida veciñal e consideramos que deben manterse”.
Aliás recolle aspectos importantes “cos que estamos de acordo como a suba salarial aos traballadores e traballadoras municipais pactada coas centrais sindicais, a inclusión de partidas específicas para a execución de acordos para os que non había dotación orzamentaria no documento prorrogado e algúns investimentos de utilidade”.
Incremento das partidas nalgunhas subvencións nominativas
Para o BNG é necesario tamén revisar o modelo de subvencións nominativas, que nesta nova proposta do PSOE se incrementa; a falta de transparencia na denominación de partidas con epígrafes opacos como “redacción de proxectos, comunicación ou gastos varios”; a inclusión do aparcadoiro público para o Ensanche, a nova cuberta para a piscina de SAR, a creación do servizo de inspección dos servizos externalizados e o programa de impostos á carta, para que cada persoa poida decidir as cantidades que pode pagar fraccionadas en cada momento do ano.
Ademais, para o BNG debería haber un plan de choque para reorganizar o Concello internamente e ten que ser unha prioridade absoluta conseguir que o período de pago medio a provedores/as diminúa e chegue aos 30 días que marca a normativa.
A preguntas de xornalistas, explicou que o BNG reserva a intención de voto para a convocatoria de Pleno, de acordo coa decisión do Consello local do BNG.