URBANISMO
O BNG reclama diálogo coa veciñanza das Fontiñas e dos Concheiros para que a remodelación do barrio non sexa orientada só á peregrinación
O barrio das Fontiñas vai ser afectado polos cambios de tráfico e non se contou coa participación veciñal nin coa comunidade educativa
Santiago de Compostela, 23 de xullo de 2019.- A portavoz municipal do BNG, Goretti Sanmartín, insta o alcalde a abrir unha vía de diálogo coa veciñanza dos Concheiros e das Fontiñas para que a remodelación do barrio e os cambios de tráfico sexan explicados e se axusten ás necesidades da poboación compostelá, co obxectivo de que non sexa orientada só ás persoas visitantes que fan o Camiño de Santiago.
Para o BNG é necesario que as actuacións que se realicen para facilitar tanto a chegada como e estancia de persoas que fan o Camiño de Santiago non vaian en detrimento das necesidades das persoas que residen todo o ano en Compostela.
Unha das principais queixas recibidas é que non se crearon novos aparcadoiros para suplir as prazas que se van suprimir, tendo en conta que a maioría dos edificios da zona non dispoñen de garaxes e precisan zonas de estacionamento perto das vivendas de residencia.
Ademais, a remodelación dos Concheiros e da avenida de Lugo non só vai atinxir a estas zonas, pois o barrio das Fontiñas vai ser afectado polas desviacións de tráfico e non se contou coa participación veciñal nin coa comunidade educativa para expor nin contrastar o proxecto, que tamén remodelará a zona escolar.
Trátase dunha actuación da Xunta, en coordinación co Concello, que dispón dun orzamento de 2,5 millóns de euros e cun ámbito de actuación de 6.700 m2, que supón un cambio importante en accesibilidade, mobilidade, distribución de espazos e tránsito viario para unha parte importante da veciñanza de Santiago. Na zona é necesario un enfoque global, para reorganizar os grandes fluxos de tráfico e o papel de periférico que ten actualmente a avenida de Lugo, mais dándolle prioridade ás necesidades das persoas que residen en Compostela.