ELECCIÓNS

Goretti Sanmartín: “O BNG impulsará a construción dun complexo deportivo con piscina pública no barrio de Santa Marta”

Goretti Sanmartín
Goretti Sanmartín

Comprometeuse a mellorar o mantemento das instalacións deportivas municipais, ademais de apoiar as escolas dos clubs de base

Goretti Sanmartín: “O BNG impulsará a construción dun complexo deportivo con piscina pública no barrio de Santa Marta”

Santiago de Compostela, 20 de abril de 2019.- A candidata do BNG á Alcaldía, Goretti Sanmartín, avanzou diversas medidas do programa do BNG en materia de deportes, entre as que destacou a construción dun complexo deportivo con piscina pública no barrio de Santa Marta.

Na actualidade resultan insuficientes as infraestruturas deportivas en Santiago de Compostela, por iso o BNG aposta por crear un novo espazo polideportivo no barrio de Santa Marta e por abrir as instalacións da USC e dos centros de ensino secundario, de xeito coordinado, para as persoas que practican deporte. Para iso, cómpre elaborar un estudo periódico e actualizado das instalacións deportivas municipais, cunha análise sobre a súa situación e o seu uso.

Así, comprometeuse a mellorar o mantemento das instalacións deportivas municipais, ademais de apoiar as escolas dos clubs de base, para potenciar a súa estabilidade.

“Fomentaremos o deporte para persoas con distintas discapacidades, tanto físicas como psíquicas, coa colaboración das entidades deportivas, ademais de eliminar as barreiras dos espazos deportivos municipais”, explicou Goretti Sanmartín. O BNG quere desenvolver, en colaboración coas entidades representativas, programas deportivos para persoas con diversidade funcional.

“O BNG aposta por abrir as instalacións deportivas pola noite, para crear unha alternativa de ocio saudábel”, sinalou. Quere tamén potenciar, cos clubs profesionais, os campus específicos no período vacacional escolar.

De xeito paralelo, formalizará un convenio coa USC para que tanto o estudantado universitario como a poboación de Compostela poidan beneficiarse dos recursos deportivos de ambas as institucións. Nesa mesma liña, procurarase un convenio para o uso dos pavillóns dos centros de ensino secundario, engadiu.

Entre as propostas do BNG tamén está a realización de campañas de promoción e información entre as persoas da terceira idade para conseguir implicalas nunhas prácticas deportivas que melloren a súa calidade de vida.


 

Goretti Sanmartín: “O BNG impulsará a construción dun complexo deportivo con piscina pública no barrio de Santa Marta”