ORZAMENTOS
Goretti Sanmartín: “Cómpre tomar medidas para executar en prazo os Orzamentos e mellorar o resultado da liquidación dos últimos anos”
Santiago de Compostela, 27 de xullo de 2018.- A portavoz municipal do BNG, Goretti Sanmartín, instou o alcalde a mellorar a engrenaxe do Concello para poder realizar os investimentos consignados nos Orzamentos na propia anualidade, “o único xeito de impulsar obras en prazo que melloren a calidade de vida da veciñanza”. Deste xeito, cuestionou que en 2018 só se gastase o 27% do capítulo VI de Investimentos, o que representa que sete de cada 10 euros quedaron sen utilizar cando hai carencias en Santiago de Compostela, segundo a documentación achegada aos grupos municipais e da que se dará conta no Pleno do vindeiro luns.
Ademais de aludir á falta de transparencia e de incumprimento de prazos por entregar a liquidación, con 4 meses de atraso con respecto ao que marca a normativa, destacou que esta lentitude de operatividade representa un problema no relativo a que non se pode facer uso dos remanentes de tesouraría do ano anterior até que non se dá conta ao Pleno. Isto ten consecuencias para a veciñanza “porque así non se arranxaron rúas, beirarrúas, mobiliario urbano nin equipamentos, que tamén significarían unha mellora da economía local ao dinamizar a contratación de empresas e traballadores/as para realizar esas obras públicas, o que xera postos de traballo directos e indirectos”.
Así, Goretti Sanmartín emprazou o alcalde a tomar a iniciativa para corrixir os problemas estruturais que padece o Concello de Santiago para executar en prazo os Orzamentos e mellorar o resultado da liquidación dos últimos anos, que no capítulo VI de Investimentos foi do 27,77% en 2015; do 22,07% en 2016; do 23,17% en 2017 e do 26,83% en 2018.