ELECCIÓNS
Goretti Sanmartín comprométese a estudar a proposta da cooperativa da praza de abastos de facer o aparcadoiro soterrado en Belvís
Revisará a colaboración bilateral entre o mercado de abastos e o Concello para incrementar a implicación da administración local, como reclaman
Santiago de Compostela, 28 de marzo de 2019.- A candidata do BNG á Alcaldía, Goretti Sanmartín, reuniuse con representantes da cooperativa da praza de abastos e comprometeuse a estudar a proposta de facer o aparcadoiro soterrado en Belvís, co obxectivo de solucionar un dos problemas de mobilidade da Cidade Histórica.
No encontro, en que tamén participaron Rubén Cela e Lois Calvelo, destacaron “a necesidade de mellorar a colaboración co Concello de Santiago e a súa implicación con este espazo tan importante como é o mercado de abastos para dinamizar a economía local compostelán”.
Neste sentido, unha das súas grandes preocupacións é “a necesidade de mellorar a frecuencia do transporte público e de dotar de novas zonas de estacionamento os arredores da praza de abasto”s, pois o aparcadoiro de Belvís resulta insuficiente e os actuais víronse reducidos, entre outros, coas obras de Castrón Douro.
A candidata do BNG amosouse receptiva á proposta de estudar a ampliación do aparcadoiro de Belvís previsto no Plan Especial, para facelo soterrado, “co obxectivo de que a xente poida ter maior facilidade para achegarse ao mercado”. O aparcadoiro público de Belvís tivo 85.000 usuarios/as en rotación no último ano, o que demostra que é “claramente insuficiente” para dar servizo á zona histórica.
Outro dos temas que trataron foi a necesidade de revitalizar a Cidade Histórica con poboación residente todo o ano, “para o que cómpre dotar de maiores servizos que faciliten a habilitabilidade, así como evitar a dependencia do turismo para o pequeno comercio”. Neste punto, Goretti Sanmartín trasladoulles a proposta do BNG de realizar “un viveiro empresarial de pequeno comercio, mediante o Consorcio, para mercar, rehabilitar e dinamizar novos estabelecementos non destinado ao turismo”.
Entre outras demandas, destacaron tamén “a prioridade absoluta de instalación de fibra óptica de internet e a axilización de licenzas para comercio e vivendas co reforzamento do departamento de Urbanismo”, explicou Goretti Sanmartín.