Goretti Sanmartín convida a Bugallo a rematar “co seu servilismo á Xunta” porque así non conseguiu en tres anos os investimentos que precisa Santiago
“Reclamamos que vaia á reunión con Rueda cunha posición firme, de cidade e de defensa dos intereses de Santiago de Compostela por riba de todo”, indica
“Santiago non avanzou en investimentos nin en infraestruturas nestes tres anos; a Bugallo non lle valeu esa amizade co PP que moitas veces foi servilismo”
Santiago de Compostela, 17 de outubro de 2022.- Ao fío da reunión entre o presidente da Xunta e o alcalde de Santiago prevista para finais desta semana, Goretti Sanmartín insta a Sánchez Bugallo “a rematar a estratexia que tivo até agora de servilismo e de dicir que si a todo o que formulaba o PP”. “Facendo unha valoración do acontecido nestes tres últimos anos, a amizade co PP de pouco lle valeu a Bugallo e a este Concello de Santiago, porque foron moi poucos os investimentos conseguidos da Xunta de Galiza”, explicou.
Con respecto ás novidades que anunciou o alcalde que ía trasladar á reunión, está a petición de instalación da Sede da Axencia de Intelixencia Artificial e as outras teñen “escasa credibilidade” como a da taxa turística porque o alcalde nunca antes a defendeu e a Xunta sempre se posicionou en contra dela, ademais de só executou o 16% do orzado no Plan de Sustentabilidade Turística, cando fora un compromiso de 2020 de apoialo pola Xunta de Galiza.
Sobre o incremento da partida para o Consorcio da Cidade, indicou que se o alcalde llo demanda ao presidente da Xunta tamén o ten que demandar dos Orzamentos do Estado porque é un ente en que conflúen as tres administracións. “Ademais, sáenlle as cores co incumprimento do acordo do 25 de xullo de 2021 onde no Real Padroado anunciaron unha chuvia de 281 millóns de euros para Santiago de Compostela dos que non chegou un só euro”, engadiu.
“O aparcadoiro do CHUS xa tiña que estar resolto se Bugallo obtivese o compromiso das reunións que tivo en 2019 e en 2020 con Feijóo cando falaron da ampliación do hospital clínico”, incidiu na rolda de prensa.
Ademais, indicou que Bugallo esquece “vellas reivindicacións” que foron aprobadas no Pleno da Corporación por unanimidade, algunhas delas a instancias do BNG, como o novo edificio para Escola Oficial do Idiomas. Así, lembrou que na celebración do 20 aniversario deste centro, o alcalde se comprometeu a dotar dun soar en Conxo e que tiña que ser unha realidade esa nova construción. Indicou tamén que houbo declaracións institucionais como a de 19 de abril de 2017 e o 26 de setembro de 2019, por iniciativa do BNG.
A ampliación do Conservatorio Profesional de Música, que tanto o BNG como o PSOE levaron ao Parlamento galego, que require un investimento mínimo, ou a aposta para construír o Conservatorio Profesional de Danza en Santiago, para o que existe demanda máis que suficiente, algo que tanto o BNG como o PSOE levaron ao Parlamento galego, ou o centro de saúde de Conxo, “unha promesa electoral de 2011 que agora parece que vai quedar nunha ampliación que non nos parece suficiente”. Eses non están nos temas que ten previsto trasladarlle o alcalde á reunión con Alfonso Rueda e, así, recriminou que “cando anuncia publicamente que lle vale a ampliación do centro de saúde debilita a posición do propio Concello de Santiago e fai que haxa renuncias de antemán antes da propia reunión”.
Tamén se referiu ao Pacto polo Rural, que o PSOE tamén aprobou, onde se esixe unha partida importante para abastecemento e saneamento. O PSOE nestes anos dedicou investimentos do POS a isto, sen procurar novos fondos, mentres agardaba polo novo contrato da auga, “cando o BNG demanda unha partida específica da Xunta para rematar esa discriminación histórica de Santiago co rural, pois é incomprensíbel que a capital de Galiza teña moitos máis núcleos sen abastecemento nin saneamento que os concellos limítrofes”.
O centro de día nas Fontiñas é outra das peticións que debera incluír na listaxe de demandas á Xunta. “Cando se decidiu que a residencia de maiores se trasladaba ao Castiñeiriño, o BNG propuxo que nesa parcela libre das Fontiñas se crease un centro de día e o defendeu no Pleno en novembro de 2019 e de decembro e 2021, por ser unha demanda da veciñanza cada vez máis envellecida”, explicou.
Na política de construción de vivenda pública, Goretti Sanmartín destacou que é o momento de esixir que todo o que non fixo Feijóo nos seus anos como presidente se inicie sen ter que agardar a crear un ente municipal de fomento de vivenda pública.
Sobre a defensa do incremento da cantidade asignada polo Estatuto da Capitalidade, incidiu en que o BNG cando trasladou esa petición ao Pleno ao inicio do mandato recibiu o voto en contra do PSOE, pese a que un estudo do profesor Caramés cifraba hai anos en 5,5 millóns de euros a cantidade que debería percibir en vez dos 2,3 que recibe actualmente. “Bugallo renuncia por completo a un tema que sabemos que o PP non está de acordo, cando logo o PSOE o presenta no Parlamento para quedar ben”, destacou Goretti Sanmartín.
Abandono do servilismo para conseguir a débeda histórica da Xunta
“Santiago non avanzou en investimentos nin en infraestruturas nestes tres anos, a Bugallo non lle valeu esa amizade co PP que moitas veces foi servilismo”, enfatizou. O investimento da Xunta en Santiago nos últimos anos estivo reducido a cuestións internas como a Cidade administrativa de San Caetano; a coordinación do Xacobeo cun modelo moi diferente ao que defende o BNG; o Plan de Sustentabilidade Turística, “cunha execución ridícula”; a moita “política de publicidade e propaganda” como a reunión do Real Padroado e a compromisos para a depuradora que vai orzamentos plurianuais. Fronte a iso, afirmou que a poboación de Santiago lle demanda a Bugallo “que se poña firme ante a Presidencia da Xunta e abandone ese servilismo e poña enriba da mesa asuntos da débeda histórica e que non saia desa reunión sen compromisos firmes, claros e con prazos concretos”.
“A respecto do aparcadoiro do CHUS non nos valen leira-parkings, se a Xunta investiu noutras cidades como A Coruña e Pontevedra non pode entrar nese xogo maniqueo de ampliación ou aparcamento, porque é cumprir coa normativa municipal”, advertiu. Reclamou tamén que saia cun acordo sobre a taxa turística para contribuír a sufragar os gastos de servizos públicos, que se aposte polo Consorcio como elemento para fixar poboación na Cidade histórica e para recuperar edificios baleiros, co incremento do Estatuto de Capitalidade, co novo edificio da Escola Oficial de Idiomas, coa ampliación do Conservatorio de Música, co novo centro de saúde de Conxo, co compromiso de saneamento e abastecemento do rural, co centro de día nas Fontiñas e coa construción de vivenda pública demandada pola veciñanza. En definitiva, dixo, “reclamamos que vaia á reunión cunha posición firme, de cidade e de defender os intereses de Santiago de Compostela por riba de todo”.