TRANSPORTE

O BNG traslada ao Pleno a necesidade de revisar os autobuses urbanos “ante a promesa incumprida do novo contrato inminente”

Goretti Sanmartín Rei, na sala de prensa do pazo de Raxoi
Goretti Sanmartín Rei, na sala de prensa do pazo de Raxoi

O alcalde leva tres anos prometendo a renovación da flota de autobuses, mais moitos dos que circulan non están en boas condicións

O BNG traslada ao Pleno a necesidade de revisar os autobuses urbanos “ante a promesa incumprida do novo contrato inminente”

Santiago de Compostela, 18 de outubro de 2022.- O grupo municipal do BNG trasladará ao Pleno unha iniciativa para que o Goberno local, a través de TUSSA, encargue unha revisión e posta a punto urxente da flota de autobuses urbanos para que ofrezan garantías de seguranza. “É preciso que se solucionen os problemas de suspensión, de ruídos excesivos da carrocería interior, de freado, de emisión elevada de gases, de accesibilidade e de pneumáticos gastados, entre outros, que rexistran na actualidade, toda vez que a licitación do novo contrato aínda non se produciu e van transcorrer meses até a súa adxudicación”, explicou Goretti Sanmartín, portavoz municipal do BNG.

O accidente acontecido o pasado 10 de outubro nun autobús urbano, que tivo como consecuencia directa cinco persoas feridas leves, ao saírse da vía na baixada de San Roque á rúa das Rodas, espertou moita inquedanza por parte das persoas usuarias do transporte colectivo.

“Con facer un traxecto de autobús, para alén das deficiencias de frecuencias horarias de paso e da demanda existente en lugares onde non chega este transporte, é doado observar a diario como existen problemas de suspensión, de ruídos excesivos da carrocería interior, de freado, de emisión elevada de gases, de accesibilidade e de pneumáticos gastados, entre outros, que non se corresponden cos estándares de transmisión de seguranza que deberan”, indicou.

En xaneiro de 2018 aprobouse por unanimidade no Pleno unha iniciativa do BNG ante un informe que detectaba 325 deficiencias en 41 autobuses urbanos de Santiago de Compostela ao considerar prioritaria a seguranza de persoas condutoras e usuarias do transporte público. A consecuencia diso, realizouse unha posta a punto dos autobuses coa observación de que co novo contrato se ía renovar a flota.

De feito, a licitación do novo contrato do servizo de transporte urbano que foi anunciada como “inminente” en numerosas ocasións aínda está pendente e, na actualidade, Santiago de Compostela ten unha flota envellecida e mesmo con vehículos de segunda man procedentes doutras cidades.

Entre outros problemas, a liña 7 de Aríns que é prestada por Autocares Rías Baixas, ten vehículos que non se adecúan ao servizo da veciñanza pois son autocares máis propios de viaxes longas e con importantes problemas de accesibilidade.

O BNG traslada ao Pleno a necesidade de revisar os autobuses urbanos “ante a promesa incumprida do novo contrato inminente”