MAIORES

Goretti Sanmartín felicita as persoas usuarias do Centro sociocomunitario da Porta do Camiño polas mobilizacións para conseguir a súa apertura

Goretti Sanmartín, nunha das mobilizacións
Goretti Sanmartín, nunha das mobilizacións
O Goberno do PP na Xunta impediu que se reiniciasen as actividades hai máis dun ano, cando a situación sanitaria xa o permitía
Goretti Sanmartín felicita as persoas usuarias do Centro sociocomunitario da Porta do Camiño polas mobilizacións para conseguir a súa apertura

Santiago de Compostela, 19 de outubro de 2022.- A portavoz do grupo municipal do BNG, Goretti Sanmartín, trasladoulles ás persoas usuarias do Centro sociocomunitario da Porta do Camiño os parabéns polo resultado das reivindicacións que realizaron para abrir e retomar as actividades que realizaban antes da pandemia da covid-19. Ademais, lembrou que o BNG trasladou iniciativas ao Pleno do Concello e do Parlamento galego para esixirlle á Xunta que abrise estas instalacións, toda vez que as medidas de prevención sanitaria xa o permiten.

“É casualidade que xusto hoxe que se debate a iniciativa do BNG no Parlamento galego sexa a data escollida pola Xunta para a apertura do Centro sociocomunitario da Porta do Camiño”, explicou Goretti Sanmartín. “Foi a presión social e política, con mobilizacións na rúa e iniciativas do BNG no Concello e no Parlamento, quen conseguiron que hoxe abran as instalacións que prestaban servizo a numerosas persoas maiores usuarias que tiñan neste centro un lugar de encontro e de dinamización social”, indicou.

Ese espazo está dotado con salas de xogos, salón de peiteado, sala de rehabilitación, ciberaula, sala de lectura e cafetaría que permanecen pechados. Alí, con anterioridade á pandemia, participaban en actividades como baile, Pilates, pintura, informática, exercicios de memoria e organizaban excursións. “Felicitamos as persoas usuarias e agardamos que retomen estas actividades canto antes, pois o Goberno do PP na Xunta impediu que se reiniciasen hai máis dun ano, cando a situación sanitaria xa o permitía, co que privaron deste espazo de lecer as persoas maiores de Santiago de Compostela”, concluíu.

 

Goretti Sanmartín felicita as persoas usuarias do Centro sociocomunitario da Porta do Camiño polas mobilizacións para conseguir a súa apertura