SANIDADE
Goretti Sanmartín: “É o momento de que o alcalde lle propoña á Xunta a designación ‘Hospital Ramón Baltar’ ao provincial de Conxo para recoñecer o seu labor”
Bugallo comprometeuse a xestionalo mais pasaron 5 meses de inacción e vén de que conformarse unha proposta cívica para reclamalo
Santiago de Compostela, 20 de outubro de 2022.- “Desde o BNG queremos lembrarlle ao alcalde Sánchez Bugallo que ten pendente de xestionar a proposta para designar o Hospital provincial de Conxo ‘Ramón Baltar’ en recoñecemento ao seu labor”, afirmou Goretti Sanmartín, “e por iso agardamos que llo traslade ao presidente da Xunta xunto co paquete de medidas en materia de vivenda, turismo, ensino, rural e sanidade que xa lle indicamos na reunión que terán esta semana”.
Goretti Sanmartín sinalou que despois de que o escritor Suso de Toro sacase á luz a historia de Ramón Baltar, médico compostelán que impulsou o Hospital provincial de Conxo durante o franquismo e que unha parte do Hospital das Galeras se destinase á beneficencia, o BNG quixo trasladar unha iniciativa ao Pleno para que o Concello iniciase os trámites para este recoñecemento público e a divulgación do seu bo facer para o conxunto da veciñanza neses tempos da ditadura especialmente complicados no ámbito económico e político, en que soubo sortear numerosas dificultades para conseguir mellorar a calidade sanitaria, coa dotación destas infraestruturas hospitalarias para persoas de toda condición social e con carácter público.
O alcalde comprometeuse a xestionalo mais pasaron 5 meses de inacción por parte do Goberno local do PSOE, indicou, e vén que conformarse unha proposta cívica para dar o nome de ‘Hospital Ramón Baltar’ ao provincial de Conxo, que está impulsada por Luís Pasín, Encarna Otero, Pilar Sampedro, Luís Folgar e Suso de Toro.
De feito, nos últimos meses organizáronse diversos actos como unha exposición e presentación de publicacións sobre a figura de Ramón Baltar, en que participou tamén a propia Universidade e Consorcio da Cidade. Para o BNG, a reunión de Xosé A. Sánchez Bugallo con Alfonso Rueda é un bo momento para demandarlle o cambio de denominación do hospital á Xunta “co obxectivo de que a veciñanza saiba que Ramón Baltar foi unha persoa que axudou os colectivos e persoas desfavorecidas e represaliadas durante a ditadura”.