ORZAMENTOS DA XUNTA
Goretti Sanmartín considera “unha tomadura de pelo” que inclúan reformas en edificios da Xunta como se fosen Orzamentos para a veciñanza de Santiago
O BNG cuestiona que non se inclúa a construción do novo centro da Escola Oficial de Idiomas, a ampliación do Conservatorio Profesional de Música, a construción do Conservatorio de Danza, o centro de día das Fontiñas, a construción do novo centro de saúde de Conxo, o compromiso co rural ou a promoción de vivenda pública
Santiago de Compostela, 21 de outubro de 2022.- A portavoz do grupo municipal do BNG, Goretti Sanmartín, describiu os Orzamentos da Xunta de Galiza para Santiago en 2023 como “unha auténtica tomadura de pelo para a poboación compostelá, porque demostran como o PP na Xunta leva moito tempo dándolle as costas a Santiago”.
Referiuse a que non só non se asumen os gastos por ter a capitalidade, algo que está cuantificado nun informe económico desde hai anos e que a Xunta incumpre de maneira sistemática, “a deriva do PP leva a que inclúan Santiago de Compostela en investimentos que son da propia Administración galega ou que son do conxunto da poboación galega, mais que non se poden atribuír como se fosen investimentos territorializados a Santiago de Compostela”. O proxecto fundamental da Cidade de San Caetano con 10 millóns de euros ou a reforma do edificio administrativo de Mazarelos son unha boa mostra diso, explicou.
“A verdade é que o conxunto da poboación debería facer unha reflexión moi seria sobre uns Orzamentos que deixan de lado as principais reclamacións que se leva facendo desde o propio Pleno municipal, por unanimidade ou cunha maioría cualificada, en moitos temas e deixan fóra aquelas cuestións que boa parte da sociedade compostelá demanda”, indicou.
Que non medre o orzamento para o Consorcio non é bo para conseguir unha política de rehabilitación e de recuperación de edificios baleiros, de insonorización e acondicionamento, con axudas que contribúan a fixar e recuperar poboación na Cidade histórica, como o feito de que non se incremente a partida para o Estatuto de Capitalidade e que se deixen de lado cuestións comprometidas como a construción do novo centro da Escola Oficial de Idiomas, a ampliación do Conservatorio Profesional de Música, a construción do Conservatorio de Danza, o centro de día das Fontiñas, a construción do novo centro de saúde de Conxo, o compromiso co rural ou a promoción de vivenda pública, algo absolutamente fundamental e que en toda a etapa de Feijóo non se realizou.
Por tanto, insistiu no engano destes Orzamentos, “pois son unha tomadura de pelo porque inclúen investimentos territorializados para Santiago que non se corresponden, porque son para equipamentos da propia Xunta de Galiza e que se refiren ao conxunto do noso país”.