PLENO
O BNG reclama que se corrixa a instalación de tapas de sumidoiros mal asentadas que provocan ruído e inseguranza viaria
En zonas como Os Basquiños dificultan o descanso nocturno da veciñanza
Santiago de Compostela, 23 de outubro de 2022.- O grupo municipal do BNG recibiu queixas da inseguranza viaria e do ruído provocados pola mala instalación das tapas de sumidoiros en diversos lugares que se moven de xeito continuo co tránsito de vehículos. Así, reclamará no Pleno que o Goberno local dea as instrucións correspondentes para asegurar a correcta instalación dos rexistros de servizos de abastecemento, saneamento e enerxía que, en rúas como Os Basquiños, provocan problemas de inseguranza viaria e impiden o descanso da veciñanza durante a noite.
Existen rúas como Os Basquiños en que hai numerosos rexistros de servizos de abastecemento de auga, saneamento e enerxía nun tramo de poucos metros e en ambos os carrís de circulación. Deste xeito, tanto persoas usuarias de bicicletas como de motocicletas que non advirten da súa presenza teñen risco de caída ou circulan en zigzag para os esquivar; ambas as cuestións entrañan problemas para a seguranza viaria. Tamén representa un problema de contaminación acústica, pois se ben durante o día pode ser menor polo balbordo existente no espazo público, durante a noite ese cambaleo continuo en cada tapa cada vez que pasa un coche provoca un impacto sonoro que impide e dificulta o sono da veciñanza, o que xera un grave malestar por non ter garantido o dereito ao descanso.
Estes rexistros metálicos antigos poden estar afectados pola corrosión e non asentan ben sobre a base, unha cuestión que se pode solucionar cun brocal de material envolvente que amorteza o ruído e facilite o seu encaixe cada vez que son abertos para as correspondentes inspeccións e labores de mantemento dos servizos.
Desta maneira, o BNG reclamaralle ao Goberno local do PSOE que busque unha solución para este problema que acontece en diversas rúas compostelás.