PLENO
O BNG propón incrementar o persoal e os recursos do Centro de Información ás Mulleres, para cumprir o Plan de Igualdade
Entre os seus obxectivos está sensibilizar a poboación en materia de violencia de xénero e garantir os dereitos de mulleres e crianzas cando se produza maltrato
Santiago de Compostela, 22 de outubro de 2022.- A portavoz municipal do BNG, Goretti Sanmartín, anunciou unha iniciativa para incrementar nos Orzamentos de 2023 os recursos destinados ao Centro de Información ás Mulleres (CIM), como recolle o V Plan de Igualdade 2022-2025, co obxectivo de manter o labor que realiza e dotalo de persoal exclusivo e non compartido con outras áreas municipais. Así, o CIM poderá dispoñer dunha avogada a tempo completo e dunha axente de igualdade, a maiores do persoal existente na actualidade.
Na iniciativa, rexistrada ao abeiro das reivindicacións do 25N, Día internacional da eliminación da violencia contra as mulleres, inclúese tamén que o Concello de Santiago colabore co movemento feminista compostelán na organización de actividades programadas arredor desa data.
“Ás portas da organización dun novo 25N, Día internacional para a eliminación da violencia contra as mulleres, cómpre lembrar os obxectivos marcados nese Plan de Igualdade para avanzar desde a administración local en mitigar as agresións machistas”, explicou Goretti Sanmartín. Entre eses obxectivos está sensibilizar a poboación en materia de violencia de xénero, co fin de previla e de garantir os dereitos das mulleres e das súas crianzas, cando se produza unha situación de maltrato.
Así, no plan que se debe poñer en marcha proponse impulsar a información, a sensibilización e a prevención en torno á violencia de xénero, reforzar a atención e a coordinación dos procesos de detección e atención ás vítimas de violencia de xénero garantindo unha atención integral e específica para cada caso durante o tempo que sexa necesario, ademais de medidas encamiñadas para construír unha cidade segura.
Na actualidade, o CIM está dotado con unha traballadora social, unha psicóloga, unha persoa administrativa e unha avogada ao 50% do tempo, compartida co departamento de Servizos sociais. Neste sentido, para prestar un labor especializado e sen demoras, cómpre incrementar a xornada da avogada a tempo completo e incorporar unha axente de igualdade. Isto debe acrecentarse na Relación de Postos de Traballo (RPT) e nos Orzamentos dos próximos anos, por iso o BNG leva esta iniciativa ao Pleno.