INSTITUCIONAL

O BNG cuestiona a falta de diálogo e de peso político de Bugallo ao non conseguir o apoio da Xunta para implantar a Axencia de Intelixencia Artificial en Santiago

Goretti Sanmartin
Goretti Sanmartin

O PP non optou por defender a proposta de instalar na capital galega a sede da Axencia Estatal de Intelixencia Artificial

O BNG cuestiona a falta de diálogo e de peso político de Bugallo ao non conseguir o apoio da Xunta para implantar a Axencia de Intelixencia Artificial en Santiago

Santiago de Compostela, 24 de outubro de 2022.- A portavoz municipal do BNG, Goretti Sanmartín, sinalou a falta de peso político do alcalde Xosé A. Sánchez Bugallo logo de que a Xunta anunciase o apoio á cidade da Coruña para acoller a Axencia Estatal de Intelixencia Artificial. “Isto evidencia a falta de convencemento ante o presidente da Xunta, que declinou apostar por Santiago de Compostela, cando este tema foi un dos eixos centrais da reunión que mantiveron a pasada semana”, explicou.

“O alcalde tardou en buscar argumentos para o consenso e en reunir os axentes sociais de Santiago de Compostela, cando tivo meses para preparar a candidatura e os avais necesarios para acoller este centro innovador”, indicou.

Entre outros indicadores a nivel demográfico, socioeconómico, loxísticos e científico que se avaliaron, Santiago de Compostela ten o Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes (CITIUS), o Centro de Supercomputación de Galiza (CESGA), o Centro de Investigación e Tecnoloxía Matemática de Galiza (CITMAGA), a Escola Técnica Superior de Enxeñaría, e a Axencia para Modernización Tecnolóxica de Galiza (AMTEGA), entre outros, ademais de previsión de implantar o Grao en Intelixencia Artificial da USC.

“É unha oportunidade perdida e unha mágoa para Santiago de Compostela e isto acontece pola falta de diálogo, de traballo en común cos axentes sociais e de convencemento ante o presidente da Xunta de Galiza, cun PP que non optou por defender a proposta de instalar na capital do país a sede da Axencia Estatal de Intelixencia Artificial”, incidiu Goretti Sanmartín.

 

O BNG cuestiona a falta de diálogo e de peso político de Bugallo ao non conseguir o apoio da Xunta para implantar a Axencia de Intelixencia Artificial en Santiago