CO CORAZÓN EN COMPOSTELA

O BNG reúnese con directores/as de museos e galerías de arte para buscar sinerxías de divulgación desde as administracións

Mercedes Queixas e Goretti Sanmartín
Mercedes Queixas e Goretti Sanmartín

“Temos un ámbito dos museos e galerías de arte moi rico pero que é descoñecido tanto a nivel local como polas persoas que nos visitan”, explicou Goretti Sanmartín

O BNG reúnese con directores/as de museos e galerías de arte para buscar sinerxías de divulgación desde as administracións

“O PP aprobou en solitario a Lei de museos e outros centros museísticos de Galiza e, case dous anos despois, aínda non se desenvolveu”, indicou Mercedes Queixas

Santiago de Compostela, 25 de outubro de 2022.- Na campaña Co corazón en Compostela, a candidata do BNG á Alcaldía Goretti Sanmartín e a deputada parlamentar Mercedes Queixas reuníronse con directores/as de museos e galerías de arte de Santiago de Compostela para poñer en valor desde as administracións estes espazos que apostan pola creación artística.

En declaracións aos medios ao remate do encontro, Goretti Sanmartín destacou como conclusións que o BNG aposta por desenvolver iniciativas “para corrixir a falta de coñecemento dos espazos museísticos e das galerías de arte, que traballan de maneira illada e pouco colaborativa de maneira que se precisan sinerxías coas administracións para que sexa máis coñecido o noso patrimonio como sinal de identidade nunha Compostela cultural, rica e vizosa en creatividade”.

Guía de espazos para difundir entre veciñanza e visitantes

Unha das propostas é editar unha guía de espazos con actualización periódica dos museos e galerías de arte que anuncie as súas actividades para o coñecemento da veciñanza e para a planificación previa das persoas que visitan Santiago de Compostela. “A necesidade de facer actividades colaborativas, con elementos de unión entre elas e que sirvan de atractivo para artistas que visitan Santiago de Compostela e con programación que se poida compartir” foi outro dos puntos que xurdiu do encontro. “Vinculado ao Concello, é necesario crear unha liña de axudas para estes espazos, dispor dun banco de recursos que poidan utilizar e medidas para potenciar a creatividade local, destinadas a estudantes da Escola Mestre Mateo e do instituto de Sar que poden aproveitar estes espazos para desenvolveren alí experiencias artísticas e mesmo se poden crear residencias artísticas para persoas procedentes de fóra de país para estar en Santiago de Compostela durante unha tempada”, indicou.

“Temos un ámbito dos museos e galerías de arte moi rico pero que é descoñecido tanto a nivel local como polas persoas que nos visitan”, explicou Goretti Sanmartín, cómpren estímulos para conseguir “a función social dos museos” de democratizar a arte, o patrimonio e os seus fondos entre a veciñanza e para que poidan servir como panca “para que a xente que nos visite veña facer turismo cultural e a gozar do noso patrimonio, ao tempo que prolonga a súa estadía”.

A deputada Mercedes Queixas Zas, pola súa parte, explicou que o PP aprobou en solitario a Lei de museos e outros centros museísticos de Galiza e, case dous anos despois, aínda non se desenvolveu. Trátase dunha lei desactualizada, excluínte co propio sector museístico e xurdida sen a necesaria participación social.

O BNG, que votou en contra desta lei, presentou emendas para acrecentala e mellorala con propostas que emanan directamente da sociedade, de especialistas e de institucións que traballan neste ámbito mais o PP non as aceptou, lembrou.

“Esta lei naceu con mal pé”, explicou, “resulta insuficiente porque non está á altura do inmenso patrimonio museístico que temos no noso país e non conta coas achegas do sector” e, por tanto, non dá resposta a algo fundamental que se comentou neste encontro, en referencia a que “é necesario abrir un proceso e unhas canles de coordinación co sector que reforcen a directriz do ICOM de que os museos deben traballar e reforzar a súa función social e iso quedou inexistente nunha lei que cualificamos como conservadora, tradicional e nada ambiciosa, que non dá resposta ás necesidades museísticas do presente e das liñas do futuro cultural”, concluíu a deputada parlamentar nacionalista.

O BNG reúnese con directores/as de museos e galerías de arte para buscar sinerxías de divulgación desde as administracións