PLENO
Apróbase por unanimidade a moción do BNG para ampliar as zonas de aparcadoiro e mellorar os servizos públicos en Vite-Vista Alegre
Luz verde tamén para a proposición do BNG destinada a incluír nos Orzamentos de 2023 as melloras que require a veciñanza da Peregrina relativas ao acondicionamento do local social, seguranza viaria, roza de vexetación, limpeza de cunetas, iluminación, marquesiñas e construción dun parque biosaudábel
Santiago de Compostela, 27 de outubro de 2022.- O BNG conseguiu aprobar por unanimidade, no Pleno ordinario de outubro, unha moción para a inclusión nos Orzamentos de 2023 das partidas necesarias para mellorar a accesibilidade, os espazos de aparcadoiro e o transporte público para atender as demandas do barrio de Vite-Vista Alegre.
No barrio de Vite-Vista Alegre existen numerosas deficiencias derivadas da falta de mantemento dos espazos públicos, ademais de necesidades xurdidas polo incremento de vehículos nos últimos anos e de aumento de persoas usuarias de instalacións públicas que non foron acompasados da correspondente dotación e reordenación de prazas de aparcadoiro nin de frecuencias de transporte colectivo.
Na actualidade, a veciñanza da rúa Carlos Maside non atopa sitio suficiente para aparcar preto das vivendas cando volve do traballo porque están ocupados por persoas que usan o centro sociocultural e o polideportivo até altas horas da madrugada. Así, cómpre unha reserva de prazas para residentes nesa área e que as persoas deportistas e as que acoden a actividades do centro sociocultural teñan un acceso habilitado directo e sinalizado cara a area de estacionamento traseira. Esa reordenación de aparcadoiros tamén debe incluír a rúa Alexandre Bóveda, en que existe a necesidade de habilitar un paso directo á zona traseira onde se atopa o aparcadoiro para que as persoas residentes neses bloques de edificios non teñan que dar toda a volta á rúa por estar incomunicado coas fachadas principais.
Ademais, cómpre lembrar que a ARI para a súa reurbanización está aprobada mais non se executou e desde a súa construción na década de 1980 non se produciron melloras para adecuarse ás normas de accesibilidade. A iso súmanse queixas por detectarse numerosos problemas nos sumidoiros, presenza de ratas, cortes de auga e de luz pola antigüidade das tubaxes e do cable eléctrico.
Tamén na Escola Oficial de Idiomas se fai necesario habilitar novas zonas de aparcadoiro para poder deixar os coches, xunto co incremento de liñas de transporte urbano desde outros puntos da cidade para non depender dos vehículos privados. Unha posibilidade que apunta a veciñanza pode ser utilizar a parcela municipal próxima á Escola Oficial de Idiomas para incrementar a zona de estacionamento nesa área.
Outras demandas xerais que presenta a veciñanza son a mellora da iluminación, pois hai zonas escuras á hora de saír de traballar no inverno para ir a pé até as casas, o cambio de tubaxes de abastecemento de auga que rompen con frecuencia e provocan cortes de auga para a súa reparación e a eliminación de roedores, pois é frecuente a súa presenza.
Estiman necesario crear parques infantís, xa que os existentes se atopan ou ben no parque Pablo Iglesias ou en Vista Alegre (abaixo ou na cima da avenida de Castelao) e só hai un á beira do colexio con poucos elementos de xogo, que non resultan suficientes para os nenos e nenas que se poden congregar. A elevada pendente da avenida de Castelao imposibilita en moitos casos o xogo de cativos/as nestes parques que demandan unha mellor dotación do existente ao lado do centro de ensino ou a creación dun novo parque infantil á altura das chamadas “plazuelas de Vite”. Para esa mesma zona, nos Orzamentos de 2022 figura unha partida para o “Proxecto básico e de execución de mellora de infraestruturas Polígono de Vite. Fase 1. Rúa García Lorca", de 750.000 euros, que piques de concluír o exercicio está pendente de realizar.
Mellora de servizos básicos na Peregrina
O BNG trasladou tamén unha proposición -aprobada cos votos a favor de BNG, CA e PP e mais a abstención do PSOE- para que o Concello de Santiago teña en conta a listaxe de propostas da asociación veciñal da Peregrina para mellorar os servizos básicos municipais e incluír todas aquelas que foren posíbeis de realizar, logo do seu estudo e da redacción de proxectos se for preciso, coas correspondentes partidas nos Orzamentos de 2023.
En concreto, a veciñanza demanda medidas relativas ao acondicionamento do local social, seguranza viaria, roza de vexetación, limpeza de cunetas, iluminación, marquesiñas, construción dun parque biosaudábel e reclamarlle á Xunta a dotación da rede de saneamento e abastecemento de auga potábel na maioría dos núcleos desta parroquia, así como realizar o mantemento correspondente das redes de sumidoiros e da estación de bombeo do Queiroal.