SANIDADE
O BNG advirte de que a Xunta deixa sen cubrir o servizo de Pediatría no centro de saúde do Concepción Arenal
A sanidade é un dereito fundamental que non pode sufrir estes recortes de persoal que van en detrimento deste servizo
Santiago de Compostela, 28 de outubro de 2022.- O BNG de Santiago recibiu queixas pola inexistencia de pediatras na xornada deste venres pola tarde no centro de saúde Concepción Arenal e da saturación que reciben porque o Sergas non envía reforzos de persoal cando están de baixa médica e de vacacións. Polas mañás hai 3 pediatras que asumen o traballo de 4 e mais as urxencias dos 7 pediatras que ten asignado este servizo.
Na actualidade, está unha pediatra de baixa médica que está sendo cuberta tardes alternas por pediatras que prolongan a súa xornada. A iso súmase que outra pediatra se atopa de vacacións e o Sergas non cubriu o seu horario ningún día desta semana, segundo explican. Esta semana houbo tramos horarios en que só había unha persoa no Concepción Arenal para atender as consultas de Pediatría e outros en que non había ninguén e tiveron que vir as que prestan o seu traballo en Silleda e en Sigüeiro ante a alta demanda que había.
“Isto é a consecuencia dunha xestión nefasta dos recursos humanos do PP na Xunta”, explicou Goretti Sanmartín, quen lembrou que o BNG xa trasladou diversas iniciativas ao Pleno do Concello de Santiago e do Parlamento para mellorar a sanidade pública, tendo en conta que é un dereito fundamental que non pode sufrir estes recortes de persoal que van en detrimento dun servizo primordial para a saúde infantil.